Escoitar

O alcalde visita unha zona verde creada polo Concello en Candeán

mércores, 6 mar 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, visitou a zona verde construída polo Concello na urbanización Altavista, na parroquia de Candeán. O Concello converteu unha zona cuberta de cascallos e silveiras nun xardín con céspede, árbores e bancos. O proxecto da obra, que custou algo máis de 36.000 euros, foi elaborado pola concellería de Parques e Xardíns e a execución correspondeu a traballadores dos programas de inserción no mercado laboral que desenvolve o departamento de Desenvolvemento e Emprego.

Lois Castrillo explicou que o Goberno municipal está desenvolvendo un conxunto de accións destinadas a mellorar a calidade de vida nos barrios e parroquias dotándoos de equipamentos socio-culturais e deportivos e de máis espacios para o lecer. Neste caso, os xardíns de Altavista proporcionan unha zona de esparcemento a máis de duascentas familias que residen na zona. Castrillo anunciou que moi pronto rematará o acondicionamento doutra zona verde na cidade, concretamente en Matamá.

O alcalde, acompañado do concelleiro de Desenvolvemento e Emprego, Delfín Fernández, visitou na mesma parroquia outras obras que están a ser executadas por traballadores do Plan de Emprego Municipal. Os empregados do Promil construíron xa máis dun quilómetro de beirarrúas en Candeán que unen o Centro Cultural coas instalacións deportivas municipais da Madroa e coa urbanización Altavista.