Escoitar

Presentado o borrador do diagnóstico estratéxico de Vigo e a súa área funcional

martes, 5 mar 2002
imx1164.jpg
Barquero e Castrillo
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o director do Plan Estratéxico, o profesor Vázquez Barquero, presentaron hoxe o borrador do documento de diagnóstico do PEVA. Este documento será obxecto de debate por parte dos axentes sociais da cidade antes da súa aprobación definitiva.

Os resultados dos traballos de diagnóstico realizados servirán de base para a inmediata formulación da visión estratéxica de Vigo e a súa área funcional no horizonte 2010 e para a definición consensuada do Plan de Actuacións prioritarias que se propoñen levar adiante os principais actores públicos e privados locais que conforman o Concello Xeral do Plan.

A documentación entregada polo Equipo Técnico do Plan, está integrada por un documento central, denominado Diagnóstico Estratéxico, e por unha ampla variedade de documentos de soporte que constitúen os diagnósticos das catro áreas temáticas sobre o desenvolvemento territorial, nas que se dividiron estes traballos: crecemento económico e innovación, dinámica do sistema productivo, desenvolvemento urbano e infraestructuras e dinámica institucional e cultural.

Os resultados obtidos proveñen dunha profunda análise documental e da aplicación dunha metodoloxía participativa, concretada en entrevistas persoais a expertos e líderes de opinión, enquisas a empresas e familias locais e reunións de numerosos grupos de traballo en torno aos diversos asuntos clave para o diagnóstico.

Síntese das conclusións do Borrador do Diagnóstico Estratéxico

Vigo e a súa Área Funcional posúen unha puxante economía apoiada na utilización dos seus recursos naturais e empresariais, que permite avaliar a zona como un territorio con gran potencial de desenvolvemento. Sen embargo, malia acadar durante os anos noventa altas taxas de crecemento, o nivel de renda obtido está por debaixo das potencialidades da rexión urbana, a absorción de man de obra dispoñible é insuficiente e a calidade de vida non responde ás crecentes expectativas dos cidadáns.


O problema radica no mal funcionamento dos procesos que condicionan o aumento da productividade e a competitividade, como son, sobre todo, o desenvolvemento urbano e das infraestructuras, a difusión das innovaciones e a dinámica institucional. Ademais, a converxencia e a sinerxia das estratexias das empresas e do territorio, non se produciu a niveis que permitan mellorar estes procesos, afectando á posición competitiva da rexión urbana de Vigo no sistema de cidades, e das súas empresas nos mercados.

Vigo foi historicamente unha cidade aberta, cosmopolita e con proxección internacional. Xa dende o século XVIII, tanto a súa industria como o seu porto acadan niveis de actividade recoñecidos e de carácter internacional, pero non termina de se converter no centro capaz de contribuír á estructuración dun ámbito urbano competitivo na Eurorrexión.

Vigo avanza cara a configuración dunha rexión metropolitana con dúas características propias, por unha banda, a relativa debilidade do centro estructurante e polo outro, a formación dun sistema bipolar en torno ás cidades de Vigo e Pontevedra, que manteñen entre si un certo equilibrio funcional, estructurando de xeito máis complementario que competitivo a dinámica do seu hinterland.

Durante os anos noventa, ao redor do municipio de Vigo acelerouse o proceso de formación dun espacio funcional de rango supramunicipal, que xurdiu espontaneamente nos anos sesenta e setenta como consecuencia do vencello de Vigo cos municipios cercanos.

A Área Funcional está formada polos municipios de: Baiona, Cangas do Morrazo, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Soutomaior e Vigo. Existen potencialidades de integración do sistema productivo da Área Metropolitana a través de alianzas con áreas como: Pontevedra, O Morrazo, O Salnés, Tui, A Guarda, Tomiño, norte de Portugal, Ponteareas, A Cañiza, Ourense.

Pero, se ben Vigo continúa tendo unha certa debilidade funcional tanto no sistema de cidades de Galicia como no peninsular, asociada a súa especialización en actividades manufactureras maduras e á carencia de servicios modernos ás empresas, a situación está cambiando debido a que se está realizando un axuste productivo ben dirixido. O punto forte do sistema productivo de Vigo é a fortaleza dos seus clusters de empresas, que lle dan unha forte competitividade e que facilitan a súa internacionalización no entorno de globalización en que compiten. O relevante no momento actual é que os clusters máis dinámicos están abocados a se converter en contornos innovadores na década actual, dada a súa progresiva inserción local e aos novos mecanismos de difusión das innovacións.

Ademais, Vigo vense convertendo nas últimas décadas nun centro comercial estratéxico na Eurorrexión que exerce atracción sobre o sur de Galicia e o norte de Portugal (cunha atracción superior á de Porto). Ademais, malia a súa dimensión intermedia, Vigo constitúe un nodo importante da rede urbana, formada polas cidades do Eixo Atlántico e, específicamente, da Eurorrexión, debido aos fluxos internacionais de bens e servicios xerados, sobre todo polo porto, que é sen dúbida a infraestructura dispoñible máis importante para a posición estratéxica de Vigo, xa que en razón da súa especialización e localización, cumpre unha función importante no comercio europeo.

Continuando coa sua tradición, durante os anos noventa a actividade exportadora de Vigo foi notable e creceu de maneira significativa, sobre todo en automóbiles, pesca e pedras ornamentais, base do seu sistema productivo. Ademais, os fluxos de capitais na rexión son continuos, tanto a través de investimentos en carteira como en investimentos directos, pero en todo caso superiores aos doutros centros urbanos comparables do norte do estado. Á parte de PSA Peugeot Citroën, destaca en Vigo a participación estranxeira en grupos empresariais relevantes da pesca ou da química farmacéutica, ou a estratexia que seguen outros sectores no sentido de mellorar a súa presencia no mercado portugués, así como a súa implantación en África, Europa e América Latina.

Os factores territoriais e funcionais, xunto aos movementos de internacionalización e integración económica antes sinalados, constitúen a base sobre a que se pode apoiar a mellora da posición competitiva de Vigo. Para logralo, fai falta, por unha banda, superar as disfuncións no comportamento das forzas e mecanismos que condicionan a productividade e a competitividade territorial, e por outro, potenciar a identidade e a imaxe pública interna e externa de Vigo.

Neste sentido, o Plan Estratéxico VIGO 2010 está chamado a se converter nun aparello de gran utilidade para facer de Vigo unha rexión dinámica e innovadora, na que os seus cidadáns poidan disfrutar dun maior benestar e unha mellor calidade de vida durante o século que comeza.

As seguintes fases ata completar o PLAN ESTRATÉXICO DE VIGO E A SÚA ÁREA FUNCIONAL (VIGO 2010) son:

- POSICIONAMENTO E VISIÓN ESTRATÉXICA
- ESTRATEXIAS, EIXOS E PROGRAMAS
- ORGANIZACIÓN E SEGUIMENTO DO PLAN
- PRESENTACIÓN DO PLAN
Descargar todas as imaxes