Escoitar

Mirarte, un espacio ó servicio da creatividade artística

mércores, 6 mar 2002
imx1166.jpg
A Concellería de Xuventude pretende darlle a máxima divulgación ó programa Mirarte e á súa sala de exposicións. Un dos proxectos máis inmediatos é facilitarlles visitas guiadas ós centros educativos que o demanden coa idea de que os rapaces visiten as exposicións e disfruten das explicacións do autor das obras presentadas.

O programa Mirarte pretende que a sala de exposicións da Casa da Xuventude sirva de marco para calquera mostra de interese xuvenil e, á vez, que valla de plataforma de lanzamento de novos artistas. En definitiva, é un foro de expresión ó servicio dos novos valores e un espacio para a creatividade artística.

Mirarte é o lugar adecuado para desenvolver novas vocacións e descubrir valores emerxentes. Os artistas atopan neste programa a posibilidade de camiñaren polos riscos do atrevemento ou de entregárense a calquera causa con fundamento. Nesta sala de exposicións municipal teñen cabida distintos xeitos de creación artística, que abranguen dende o debuxo ou a pintura ata manualidades ou traballos de obradoiros.

As mostras de arte continúan a ser un motivo máis de achegamento dos rapaces á cultura. Para moitos dos expositores, o feito de organizaren unha mostra supón un reto, xa que teñen que seleccionar e completar a obra que van amosar, estudiar a forma de instalala e calquera outro detalle relacionado coa posta en escena da exposición. Ademais, a sala resulta ser un bo punto de referencia para dárense a coñecer.

A Concellería de Xuventude pon a disposición dos expositores a sala e os materiais de montaxe. Tamén se lles dá a oportunidade de organizar e decorar a sala ó seu gusto, sempre que non supoña un deterioro para o recinto.

De marzo a decembro do ano pasado celebráronse 16 exposicións en dúas roldas de 3 meses cada unha. Houbo 5 mostras fotográficas, 8 pictóricas, 1 de bordados e 2 de carácter mixto (pintura, manualidades e debuxo). Maioritariamente, foron rapaces os que utilizaron a sala, moitos deles eran cativos pertencentes a colectivos que xa solicitaron novamente a sala.

Moitas das personas que participaron nas mostras non tiñan ningún outro lugar onde realizalas ó non pertenceren a ningún círculo artístico, ou porque as salas existentes na cidade acollen outro tipo de artistas de máis recoñecemento.

Algúns dos creadores utilizaron a sala para expoñeren as súas obras acompañándoas dunha pequena performance, ou posta en escena, ampliando así a súa capacidade de expresión na medida na que as características da sala o permiten.


EXPOSICIÓNS


Descargar todas as imaxes