Escoitar

As ludotecas énchense de vida coa chegada da primavera

mércores, 6 mar 2002
A Olimpíada dos Sentidos será a principal actividade dos nenos e nenas da ludoteca de Coia durante o mes de marzo. Os seus colegas da Casa da Xuventude porán en danza actividades sobre a Reconquista, a semana dos Pais e Pepes, teatro e animación na biblioteca.

A ludoteca de Lavadores empezará educando os rapaces no consumo responsable, continuará coa semana da prensa e acabará louvando a estrea da primavera. A nova estación será tamén o epicentro da actividade na ludoteca de Coruxo. Na segunda quincena do mes, os nenos poderán xogar na procura dos seus primeiros escarceos amorosos. Xa din que, a primavera o sangue altera. A maxia do horóscopo será a súa primeira actividade do mes.

As catro ludotecas que xestiona a Concellería de Xuventude pretenden ser lugares vivos, de encontro e socialización para os máis novos da cidade, de tal xeito que experimenten con xogos e actividades variadas o pracer de vivir en sociedade e de comunicarse cos seus semellantes. Un xeito de ocio creativo que compense as tendencias sedentarias e illacionistas condicionadas pola televisión e os ritmos de vida pasivos.

A Olimpíada dos Sentidos, titulada ”A Consagración da Primavera” é unha homenaxe ó compositor Igor Stravinsky, co que se conmemorará o 21 de marzo a entrada da primavera. Á Olimpíada non lle faltará de nada: prenderán un facho, que será oloroso e estará aceso durante toda a competición ata a mesma cerimonia de clausura, elegante e moi ben ensaiada.

Tamén se elevarán as bandeiras dos xogos e haberá todo o que ten que haber: xuíces sobradamente preparados, probas clasificatorias e finais, podios, medallas, himnos... e ata queren facer unha visita a unha discoteca para a traca final. As probas tamén soan moi suxerentes para os máis pequenos: o Lazarillo de Coia, contos con olfato, especial gourmet, tacto con tacto, entre outras que converterán a ludoteca en todo un estadio para argallar.

En canto á Ludoteca da Casa da Xuventude, prepáranse actividades como a felicitación ós ludocolegas e o entronamento de dous xogos: o Scrabble e o Intelect que reinarán durante todo o mes de marzo. Os primeiros 15 días deste mes dedicaranse á animación á lectura, organizando os arquivos e ficheiros da biblioteca, nomeando os bibliotecarios, construíndo un gran libro-escenario e disfrutando do autor do mes: Roald Dahl (A fábrica de chocolate e As bruxas) provocará debates.

Entre o 18 e o 22 entréganse os agasallos de Pais e Pepes preparados directamente polos nenos nun obradoiro especial. Os convidados irán ó ludosalón onde compartirán con nenos e nenas café, infusións con pastas ou zumes, abríndolles así as portas da ludoteca á xente non habitual. Dedicarán tamén varios días (do 25 ó 27) á Reconquista, con historias e personaxes desa época como Cachamuíña ou a batalla de Rande. O 28 sairán de excursión polo casco vello, o porto, Rande e a praza da Constitución. Tamén participarán en xogos e bailes tradicionais organizados polo Plan Comunitario.

Outras actividades da ludoteca serán varios obradoiros: un de teatro, outro de prensa e educación ambiental e un terceiro titulado ”Marcha para o teu corpo”, onde os nenos irán familiarizándose coas técnicas para poñe-lo corpo en forma ó ritmo da música e xogos predeportivos.

Os rapaces aprenderán o hábito do consumo responsable na ludoteca de Lavadores. Durante a primeira quincena de marzo, ensinarase, entre outras cousas, a mercar só os productos necesarios ou a comproba-la súa caducidade.

Aprenderán a reutilizar materiais que de normal van á papeleira. Os obradoiros con materiais de refugallo ensinaranlle ós nenos que co aproveitamento do lixo se poden facer auténticas obras de artesanía.

O material impreso centrará a semana do 18 ó 22 de marzo. Ensinarase a elaborar un dosier de prensa e os rapaces empezaran a facer un arquivo das fotos na ludoteca que continuará todo o ano. A primavera acollerase coa celebración dunha regata de barquiños de papel e corchos no estanque da ludoteca.

Coruxo non se queda atrás nos seus proxectos, aínda que a súa oferta deste mes achégase máis ó terreo espiritual. Comezan co descobremento do horóscopo. Os rapaces poderán coñece-los seus signos no sistema europeo, chinés, azteca e maia. Traballarán en obradoiros manuais co firmamento que deixa entrever a lectura do futuro.

”A primavera que o sangue altera” incitará os cativos a experimenta-los primeiros pasos nas relacións de parella, vistas coma un xogo. Haberá unha caixa de correos de amor, ou un concurso de redacción de cartas amorosas ó estilo Romeo/Xulieta.

O Concello desexa que se siga mantendo a asistencia dos últimos tempos ás ludotecas, ás que uns cincuenta rapaces se achegan de xeito diario, aínda que o número de socios rolda o milleiro en cada instalación.