Escoitar

Educación e Muller principia unha colección de materiais didácticos destinada a adolescentes

xoves, 7 mar 2002
imx1172.jpg
Publicación
A concelleira de Educación e Muller, Ana Gandón, presentou a unidade didáctica ”Aprendendo a ver a desigualdade”, primeiro número da colección de cadernos titulada ”De igual a igual” coordinada pola profesora Mercedes Oliveira Malvar.

Ana Gandón explicou que a violencia, as responsabilidades domésticas e familiares non compartidas e a transmisión de valores machistas no ámbito educativo conducen a que tódalas mulleres estean suxeitas a padeceren discriminacións. Mediante a colección ”De igual a igual” iranse publicando materiais didácticos que faciliten o traballo nas aulas de cara a fomentar a igualdade.

Mercedes Oliveira indicou que a proposta intenta achegarse ós adolescentes mediante cancións, titulares de prensa, xogos, imaxes e humor gráfico, entre outros, co obxectivo de avanzar contra a desigualdade.

”Ou estamos pola solución ou somos parte do problema posto que a desigualde, a pesar de tódolos cambios, é real e afecta a cuestións básicas de xustiza”, afirmou Oliveira.

Publicáronse 1.500 exemplares, cun orzamento de 1.500 euros, que se distribuirán no segundo ciclo de secundaria, institutos de bacharelato e formación profesional, xa que o material didáctico está destinado a maiores de 14 anos.

Descargar todas as imaxes