Escoitar

Pintura viva e mutante no MARCO

A sala de exposicións do primeiro andar do MARCO acolle ata o próximo 7 de xaneiro a exposición Pintura Mutante, na cal 16 artistas españois intentan demostrar, a través de diversas técnicas, a capacidade de transformación e adaptación da pintura e a súa contaminación con outras técnicas, procesos e medios artísticos.

luns, 2 out 2006
A pintura non morreu. Como un organismo vivo, adáptase ás novas situacións, mestúrase e contamínase con todo aquilo que a rodea (cine, fotografía, deseño, arquitectura, urbanismo, banda deseñada, ilustración, etc.), nútrese de todas as experiencias da cultura circundante e responde a elas, nun permanente proceso de transformación.

Esta exposición amosa o traballo de 16 artistas que viven esa crise e renovación do pictórico. Obsérvase nela un dobre movemento, centrípeto e centrífugo: por unha banda, unha incorporación de recursos, temáticas e estéticas procedentes de campos exteriores á pintura e, pola outra, unha expansión espacial e conceptual do pictórico.

Esta mostra reúne preto de 60 obras entre as que se inclúen pinturas, debuxos e instalacións, coa utilización das máis variadas técnicas "pictóricas" (óleos, acrílicos, tintas, vinilos, fotografías, esmaltes, etc.) sobre distintos soportes.

O horario da exposición é de martes a sábados (festivos incluídos), de 11:00 h a 21:00, e os domingos de 11:00 a 15:00.