Escoitar

Corina Porro anuncia unha "transformación" de Vigo e as súas parroquias en dous anos

A alcaldesa, Corina Porro, anunciou hoxe luns unha "transformación" de Vigo "e todas e cada unha das nosas parroquias" no prazo de dous anos. O cambio será froito de investimentos por valor de 43 millóns de euros, procedentes do propio Concello, da Deputación e do Ministerio de Fomento.

luns, 3 abr 2006
1144071631elena030406.jpg
Corina Porro explicou, tras a entrevista que mantivo pola mañá coa presidenta da Federación de Asociacións de Veciños, Elena González, que o Goberno local prevé facer uso de 17 dos 45 millóns que conforman os remanentes de Tesourería para levar a cabo investimentos nas parroquias de Vigo, dentro dun "plan consensuado con todos os colectivos veciñais".

Segundo a alcaldesa, o obxectivo fundamental destes investimentos será a humanización das parroquias. Así, o plan do Concello contempla melloras en beirarrúas, asfaltado, zonas verdes, abastecemento, saneamento e centros culturais, entre outras accións. Corina Porro asegurou que "o Concello ten diñeiro", polo que estas actuacións non supoñen "ningún risco para as arcas municipais".

Pola súa parte, Elena González mostrou a súa satisfacción e agradecemento ao Concello por ter recollido "tal cal" as propostas veciñais. A presidenta da Federación de Asociacións de Veciños engadiu que "no prazo de dous anos as parroquias quedarán planchadas".

De acordo con Corina Porro, as demandas veciñais están recollidas nun documento en que o Goberno local incluíu, ademais, mocións dos grupos políticos da oposición. Este documento cuantifica "partida por partida" investimentos por valor de 43 millóns de euros, procedentes de distintas administracións. Así, á parte dos investimentos municipais, contémplanse, por exemplo, axudas da Deputación Provincial para a creación de campos de fútbol de herba sintética, e do Ministerio de Fomento, para a realización de obras de mellora na avenida do Aeroporto.

A alcaldesa afirmou que o uso de remanentes de Tesourería para financiar melloras nas parroquias podería ser tratado o próximo venres en Pleno, pero que non ten inconveniente en adiar o debate se é que os grupos da oposición necesitan máis tempo para estudaren a proposta do Goberno local.
Descargar todas as imaxes