Escoitar

O Concello repartirá un CD-ROM didáctico sobre Vigo entre os centros de ensino secundario

O Servizo de Educación do Concello de Vigo vai repartir entre os centros de ensino secundario e as asociacións de veciños 500 CD-ROM didácticos sobre a nosa cidade. Este CD-ROM, titulado "A cidade de Vigo", foi elaborado por dúas profesoras do IES San Tomé de Freixeiro no marco dun concurso de ideas convocado polo Concello.

xoves, 23 mar 2006
1143124918CDROM.jpg
"A cidade de Vigo" é un CD-ROM interactivo que pretende ser unha ferramenta educativa versátil, motivadora e atractiva para o alumnado de 2º ciclo da ESO. Así, as súas autoras, as profesoras Mª Carmen Arenas e Concepción Díaz, incluíron nel información sobre documentos escritos, visuais e dixitais nos bloques temáticos de xeografía e historia.

Ambos os bloques temáticos conteñen actividades de traballo con tres diferentes niveis de dificultade, ademais de páxinas web relacionadas e enlaces para acceder a información complementaria e ampliar coñecementos. Toda este material pode ser adaptado segundo a capacidade de alumnos de distintos niveis educativos.

O CD-ROM presentado hoxe xoves polo concelleiro de Educación, Ignacio López-Chaves, trata a cidade como recurso educativo privilexiado, que posibilita achegar a realidade territorial, socioeconómica e histórica de Vigo aos alumnos.

Un dos propósitos fundamentais deste material interdisciplinar e innovador é que o alumnado adquira un coñecemento da cidade que o implique con ela, para que, como dixo Ignacio López-Chaves, "coñecéndoa a queiran e queréndoa a protexan". Deste xeito, o Servizo de Educación quere facer dos alumnos persoas responsables na conservación e mellora do seu contorno.

Un grao de motivación engadido para os estudantes é o emprego da informática como tecnoloxía educativa.
Descargar todas as imaxes