Escoitar

O Pleno rexeita a petición dun referendo sobre o Plan Xeral

O Pleno da Corporación Municipal ratificou hoxe luns o acordo do Consello da Xerencia de Urbanismo de desestimar a petición dun referendo sobre o Plan Xeral de Ordenación Urbana. Esta decisión aprobouse grazas ao voto favorable do PP e á abstención de BNG e PG. O PSdeG-PSOE votou en contra da desestimación.

luns, 27 feb 2006
1141052960pleno270206.jpg
Por outra parte, o Pleno aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PSdeG-PSOE e emendada polo BNG pola que se establece que o Concello de Vigo "saúda como un éxito da nosa cidade a elaboración do proxecto da Cidade do Mar e demanda que o proxecto concreto se poña a disposición da Corporación Municipal para acadar o maior acordo respectando os criterios e os intereses de cada institución e definindo esta corporación a futura situación (da Cidade do Mar) en diálogo coas administracións e co mesmo espírito de consenso".

Ademais, todos os grupos políticos apoiaron a modificación do acordo plenario polo que se estableceu que o Concello de Vigo manifestaría a súa condena á violencia de xénero mediante a convocatoria de concentracións ás 12:00 na praza do Rei e gardando un minuto de silencio en cada sesión plenaria. Así, a partir de agora o Concello expresará esta condena apoiando a convocatoria de concentración que realiza a Rede de Mulleres Veciñais os últimos xoves de cada mes na rúa Príncipe, fronte ao Marco. O Pleno tamén se comprometeu a gardar un minuto de silencio en cada unha das súas sesións, antes do punto da orde do día que dá paso ás mocións.

Tamén na área de Muller, foron aprobadas senllas mocións do PSdeG-PSOE e do BNG. A proposta dos socialistas ten como obxectivo a non discriminación e a promoción da igualdade de xénero na administración. A dos nacionalistas, reclama a Xunta de Galicia a elaboración dunha lei galega para fomentar o acceso das mulleres ao emprego remunerado. Ambas as dúas recibiron o voto favorable de todos os grupos.

Por último, o BNG viu aprobada a súa proposta de actuación nas paradas dos autobuses do transporte público urbano, con melloras da súa sinalización e medidas e eliminación de obstáculos. Outra moción dos socialistas, tamén referida ao transporte público urbano, recibiu apoio unánime, instando o Goberno municipal a iniciar coa empresa concesionaria, e contando coa máxima participación cidadá, o estudo das melloras a realizar en dito servizo, elaborando así mesmo o correspondente plan de aplicación desas melloras.
Descargar todas as imaxes