Escoitar

A Mesa de Contratación elixe a oferta de Caixanova para o Auditorio

A Mesa de Contratación propuxo hoxe venres a adxudicación do concurso para o Auditorio-Pazo de Congresos ao grupo encabezado por Caixanova. A Xunta de Goberno Local manterá unha reunión extraordinaria a próxima semana para aprobar esta decisión.

venres, 24 feb 2006
1140789561audi240206.jpg
En declaracións aos medios de comunicación, o portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa, dixo que hoxe venres é "un día extraordinario" porque vai ser satisfeita unha antiga "demanda dos sectores sociais e económicos, sobre todo do turístico".

Figueroa asegurou que o Goberno local está "tremendamente satisfeito" e cualificou de "moi positiva para a cidade" a elección da oferta de Caixanova, entidade "con experiencia" e "cun profundo coñecemento do sector congresual", no que está a facer, segundo afirmou, "un gran traballo".

Segundo o portavoz do Goberno municipal, a oferta de Caixanova e dos seus socios é a mellor "no seu conxunto". Nela contémplanse un orzamento de 85,7 millóns de euros para a construción do Auditorio. O Concello poderá usar as novas instalacións durante 30 días ao ano. Ademais, Caixanova ofrece unha redución de cinco millóns da achega do Concello e da Xunta ao orzamento da obra, así como transferencias do 65% ao Concello no caso de obter beneficios superiores en máis dun 10% aos beneficios máximos fixados.
Descargar todas as imaxes