Escoitar

Adxudicada a xestión de escolas infantís municipais de Teis e de Lavadores

A Xunta de Goberno Local decidiu adxudicar, na reunión que mantivo hoxe mércores, os concursos para a contratación da xestión do servizo das escolas infantís municipais Atalaia, de Teis, e Santa Cristina, de Lavadores.

mércores, 17 ago 2005
1124278272chem.jpg
O gasto anual autorizado polo Concello para a xestión destas dúas escolas infantís rolda os 168.000 euros. Ambos os centros están destinados a cubrir as necesidades educativas das nenas e dos nenos de 0 a 3 anos, especialmente os residentes nas zonas en que se sitúan.

Tamén dentro da área de Patrimonio e Contratación, adxudicóuselle á empresa Cespa o concurso para a execución das obras de acondicionamento do boulevard da Gran Vía, por un valor de algo máis de 81.000 euros.

Ademais, impúxoselle a Interparking Hispania SA unha sanción de 11.171 euros polo incumprimento do Decreto de Alcaldía do 26 de marzo de 2001 de realización de obras de reparación no aparcamento público subterráneo da Porta do Sol.

Por outra parte, na área de Educación quedou adxudicada a instalación da calefacción de gas natural apoiada en paneis térmicos no colexio Tintureira, por unha cantidade próxima aos 60.000 euros.

En Deportes, a Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo ao proxecto de convenio de colaboración co Real Club Celta para a celebración do Trofeo Cidade de Vigo, ao que se destinan 100.000 euros. Outro proxecto de convenio de colaboración, este co Real Club Náutico, quedou aprobado cunha cantidade de 22.240 euros. O obxectivo deste proxecto é a organización do Campionato de España de iolas.

Na área de Benestar Social, déuselle luz verde ao proxecto de convenio entre o Concello de Vigo e a "Asociación de madres en defensa de los jóvenes drogodependientes" (MADRO), cunha partida de 13.000 euros. Con este proxecto preténdese realizar un programa de obradoiros de educación para a saúde dirixido ao colectivo de adolescentes.

Finalmente, a Xunta de Goberno Local decidiu solicitarlle á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local unha subvención de 54.000 euros para a normalización da lingua galega. Tamén na área de Normalización Lingüística se aprobou, cunha partida de 3.000 euros, un proxecto de convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a asociación pedagóxica Ponte nas Ondas para realizar actuacións dinamizadoras da candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués, de cara á proclamación deste como Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO.
Descargar todas as imaxes