Escoitar

Campamento de tempo libre en Beiramar

Xuventude organiza este campamento para rapaces de 8 a 12 anos. Este campamento pretende aproveitar a condición de Vigo coma cidade costeira para que os nenos coñezan mellor o mundo do mar.

venres, 12 ago 2005
O vindeiro martes iniciarase unha nova aventura para os rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos en Vigo.Trátase dun campamento especial e diferente, promovido pola Concellería de Xuventude, e que se desenvolverá en dúas quendas, dende o 16 ao 20 e do 22 ao 26 de agosto.

A oferta de tempo libre desta Concellería para o verán abrangue distintos tipos de actividades, e entre elas caben destacar os campamentos urbanos destinados a nenos e nenas que fican na cidade durante o verán. O campamento urbano Tempo Libre na Beiramar pretende, ademais, aproveitar a condición de Vigo coma cidade costeira para facer outras propostas alternativas, de xeito que os rapaces se deleiten aprendendo nunha actividade que lles permite coñecer mellor o mundo do mar e voltar a casa todos os días.

O campamento, que terá a súa sede na Asociación de Veciños de Bouzas, comezará cada mañá ás 10:00h. e rematará ás 18:00h. Neste tempo, os participantes realizarán diferentes actividades e obradoiros encamiñadas a descubrir e achegarse ao mundo mariñeiro.

Cada día, ás dez da mañá, o equipo de monitores recibirá aos participantes, un total de corenta cativos por quenda, para comezar as actividades con propostas coma remo, pesca con cana, piragüismo, nós mariñeiros, saídas, etc. Os xantares, que levará cada un dende as súas casas, faranse na praia, onde as rapazas e rapaces tamén terán ocasión de tomar un baño e, como non, xogar cos compañeiros. Os días de choiva, as actividades serán máis ben de interior con obradoiros e xogos educativos. As seis da tarde rematarán as actividades.