Escoitar

O XII Revoltallo terá lugar do 16 ao 21 de agosto no Monte dos Pozos

O concelleiro Ignacio López-Chaves presentou hoxe xoves a XII edición do festival Revoltallo, que se celebrará do 16 ao 21 de agosto no Monte dos Pozos e que conta cunha axuda do Concello de 12.000 euros.

xoves, 11 ago 2005
Segundo Ignacio López-Chaves, o Revoltallo pode ser "unha boa oportunidade para grupos emerxentes". O concelleiro lembrou que, con este obxectivo, o Concello leva a cabo diversas iniciativas, como poden ser o propio Revoltallo e o Festival Xovevigo, que se desenvolveu no pasado mes de xullo concedéndolle a oportunidade de darse a coñecer a varios grupos locais.

Pola súa parte, Elisardo Dacosta, do Centro Cultural e Veciñal de Valadares, entidade organizadora do evento, recordou as orixes humildes do festival e asegurou que, aínda que poida parecer que está dirixido especialmente aos mozos, o Revoltallo está aberto tamén a persoas de calquera idade.

O revoltallo botará a andar o martes 16 ás 21:00 cunha das súas actividades paralelas, un desfile no que participarán as tendas Pretty Novias, Maxín, Questions, Canalla, Weast Peak e a perruquería Noki.

O mércores 17, sempre a partir das 21:00, será a vez do músico vigués Iván Ferreiro e dos grupos Día de Furia (gañadores do Festimad), Heissel (finalistas dese mesmo festival) e Ragdog (gañadores do programa "El Maquetón").

As novas tendencias ocuparán o escenario do Revoltallo o xoves 18, cos conxuntos Habeas Corpus, Elecktra, Sök , Down Level e Replyca. O venres 19 traerá unha descarga de metal extremo, a cargo de Callenish Circle, Anvil e Doom, Drath Silence e Shroud of Tears.

O sábado 20 é a xornada dos amantes do techno e do house, coas actuacións de Botz e Flydrums, Julian Poker, Manolo Dj, Jordi XL, Dj Óscar Pazos e Dj Víctor Darriba. O Revoltallo chegará á súa fin coa "Homenaxe a Nesi", na que participarán A Palo Seko, Skacha, The Feixons, Kgben, Dakidarria, Os Podridos e Rif.

A entrada e a acampada serán gratuítas. Os organizadores esperan reunir unhas 20.000 persoas durante todo o festival, bastantes máis que as cerca de 13.000 que asistiron o ano pasado.

Á parte da música, o Revoltallo ofrece unha serie de actividades paralelas, como son o obradoiro e torneo de espadas, unha partida de rol en vivo, o décimo torneo de Magic e a concentración percutiva, na que poderá tomar parte calquera que acuda cun instrumento de percusión.