Escoitar

Presentación oficial do Campionato do Mundo GP Boats-ING Real Estate

A concelleira Lucía Molares acudiu á presentación oficial no Marina de Davila Sport. O promotor do mundial, o vigués José Luis del Palacio, recoñeceu que loitou moito por traer esta proba a Vigo.

mércores, 10 ago 2005
1123681456darsena.jpg
A expectación segue aumentando en torno ao Campionato do Mundo GP Boats-ING Real Estate, que se presentou hoxe mércores oficialmente. Os pilotos xa van chegando a Vigo, como é o caso dun dos favoritos, o norteamericano Jay Price. Este piloto será un dos que planten cara ao numero un, o sueco Jonas Andersson. O resto dos pilotos irán chegando entre hoxe e o venres.

A concelleira de Deportes do Concello de Vigo, Lucía Molares, acompañada polo promotor do mundial, o vigués José Luis del Palacio e o presidente en funcións da Autoridade Portuaria, Julio Pedrosa, participaron no acto oficial de inauguración, xunto a un representante do patrocinador principal, ING Real Estate.

José Luis del Palacio loitou durante moito tempo por conseguir que Vigo sexa sede dunha das probas do Mundial de GP Boats e finalmente a cidade se vestirá de gala para albergar unha das probas de motonáutica mais espectaculares do mundo. Entre o 13 e o 15 de agosto, a dársena de Bouzas cambiará de aspecto para mostrar algunhas das embarcacións mais modernas do mundo.

Os GP Boats son auténticos enxeños tecnolóxicos, preparados ata o último detalle para alcanzar velocidades de vertixe. En carreira, o récord está en 183 quilómetros por hora, alcanzados polo árabe Arief Al Zafien nunha das probas do Mundial 2004, disputada en Rusia. A proba Speed Record se celebrará o sábado pola tarde, sendo unha das mais espectaculares destas competicións.

O público poderá seguir con facilidade as carreiras desde os peiraos da dársena de Bouzas. O circuíto, que oscilará entre 1.600 e 1.950 metros dependendo do estado da mar, está indicado tamén no plano adxunto a esta información.
Descargar todas as imaxes