Escoitar

Amaral cerrará o ciclo de concertos das Festas do Cristo o próximo sábado 20

O concelleiro de Festas e Animación Sociocultural, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe venres o concerto de Amaral, que terá lugar no Auditorio de Castrelos o sábado 20 de agosto.

venres, 12 ago 2005
1123850695chave.JPG
O concerto comezará ás 23:00. O prezo das entradas é de 12 euros, as anticipadas, e de 15 en taquilla. Ignacio López-Chaves asegurou que grazas ao "esforzo económico do Concello" conseguiuse que as entradas teñan un prezo "moi asequible". A contratación de Amaral custoulle ao Concello algo máis de 100.000 euros.

Segundo o concelleiro, Amaral "é un grupo moi de moda que, aínda que ten poucos discos, logrou xa moitos éxitos". Ignacio López-Chaves engadiu que o último traballo de Amaral, "Pájaros en la cabeza", "tivo grande repercusión nacional".

David Lago, da productora do concerto, dixo que Amaral "ten un directo moi bo e en Castrelos vai quedar moi ben". David Lago salientou o éxito dos últimos concertos de Amaral, xa que conseguiron reunir 15.000 persoas en Madrid e obtiveron tamén un grande éxito en México.

Con esta actuación remata o ciclo de concertos en Castrelos dentro da programación das Festas do Cristo da Vitoria 2005. Ignacio López-Chaves asegurou que "tratamos de cubrir todo o espectro de públicos e chegar a todos". O concelleiro de Festas lembrou a grande afluencia de público rexistrada no concerto de Hombres G e El Canto del Loco e no de The Prodigy.

Amaral comezaron como Eva e Juan, dous músicos de Zaragoza que conquistaban os seus veciños con letras coidadas, guitarras potentes, unha voz cativadora e un impresionante directo. Tres discos e varios anos despois, Amaral convertiuse nun dos grupos con máis éxito en España. Os dous membros de Amaral coñecéronse a principios dos 90, nun pequeno estudo de gravación de Zaragoza onde coincidían mozos que empezaban no mundo da música.
Descargar todas as imaxes