Escoitar

Deporte, espectáculo e gastronomía no Díptico Ciclista Internacional de Galicia

O torneo vigués, que engloba dúas probas ciclistas verá acompañado dunha degustación gastronómica e un espectáculo para o aproveitamento dos afeccionados. A cita será o sábado 20 e domingo 21 na avenida Citroen-Balaídos.

venres, 12 ago 2005
1123851616todos.JPG
A concelleira de Deportes, Lucía Molares, presentou hoxe venres o II Díptico Ciclista Internacional de Galicia, que engloba o II Gran Premio Área Metropolitana e o XXXII Gran Premio Cidade de Vigo e disputarase os días 20 e 21 de agosto no entorno da cidade.

A primeira proba terá lugar o sábado 20 con saída e meta na avenida de Citroen-Balaídos e cun recorrido de 151,2 quilómetros. A segunda proba disputarase o domingo 21 e ten un percorrido de 126,4 quilómetros (8 voltas a un circuíto de 15,8 quilómetros). Aínda que estas probas son independentes, a participación é a mesma para ambas carreiras xa que os ciclistas, procedentes de España, Inglaterra, Francia, Italia e Portugal, aproveitan a súa estancia en Vigo para disputar nas dúas probas, salvo algún cambio de última hora nos equipos ocasionado por algún contratempo.

O Díptico Ciclista Internacional de Galicia é unha proba incluída no calendario europeo da Unión Ciclista Internacional, con categoría 1.2. Esta edición 2005 estará composta por equipos profesionais de España e Portugal, seleccións autonómicas de elite, equipos elite de Francia (Velo Club Marsella), o equipo inglés JE James e equipos elite de Galicia.

A proba de Vigo permite ver interesantes duelos entre ciclistas profesionais e amateurs, a irrupción de novos talentos a nivel internacional e o traballo e motivación especial das seleccións nacionais e autonómicas. Este edición vai homenaxear aos ciclistas galegos Marcos Serrano e Óscar Pereiro disputando sendos sprints especiais en Redondela e Mos.

Degustación gastronómica

O Díptico Ciclista Internacional de Galicia completarase cun denso programa gastronómico-recreativo que constituirá un aliciente para os afeccionados que acudan á saída. Esta iniciativa pretende ser unha invitación a un modo de vida san practicando deporte e cunha dieta equilibrada e nutritiva. As empresas que participan na exposición gastronómica son Pescanova, Embutidos la Lalinense, Montiño, Coren e outras, mentres que as actuacións recreativas correrán a cargo de grupos de música e baile tradicional e moderno, ximnasia rítmica ou "xincanas".
Descargar todas as imaxes