Escoitar

Grande actuación dos axentes da Policía Local no Campionato de España de Veteranos de Atletismo en Pista

José Luis Blas, José Luis Rolo e Javier Pitillas, axentes da Policía Local de Vigo, veñen de participar no Campionato de España de Veteranos de Atletismo en Pista, disputados na localidade malagueña de Torremolinos, con bos resultados.

luns, 8 ago 2005
José Luis Blas alcanzou o cuarto posto na final de xabalina e foi cuarto tamén na final de 100 metros lisos, despois de vencer na súa semifinal. Ademais, obtivo a medalla de bronce na final de 200 metros lisos tras quedar segundo na súa semifinal. Todos estes resultados conseguiunos na categoría M-45.

José Luis Rolo foi oitavo na final de 100 metros lisos tras clasificarse terceiro na súa serie semifinal, na categoría M-40.

Pola súa parte, Javier Pitillas fíxose co campionato de España na distancia de 400 metros lisos despois de gañar tamén a súa serie semifinal na categoría M-40.

A todo isto hai que engadir que os tres axentes mencionados, xunto co cabo en excedencia da Policía Local Manuel De Novoa, obtiveron o primeiro posto no relevo 4 por 100 metros.

Unha vez finalizada esta proba, a Policía Local espera que as marcas conseguidas polos seus membros poidan ser refrendadas, se non melloradas, no Campionato do Mundo que se celebrará en San Sebastián entre o 26 de agosto e o 3 de setembro.