Escoitar

Primeiros resultados no marco do convenio da Asociación Secretariado General Gitano coa Concellería de Emprego

venres, 14 dec 2001
A Comisión de seguimento do Convenio de colaboración da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego e a Asociación Secretariado General Gitano reuniuse esta mañá no Concello, baixo a presidencia do concelleiro Delfín Fernández Álvarez, para analizar e avalia-los resultados obtidos ata agora coas accións de integración no mercado laboral da poboación gitana que se desenvolven no marco do devandito acordo. Das 51 persoas de raza xitana participantes nas actividades organizadas pola Asociación Secretariado General Gitano na cidade de Vigo no último trimestre, acadaron un emprego 11 homes e 8 mulleres.

Esta é a primeira reunión da Comisión de seguimento do Convenio asinado coa Asociación Secretariado General Gitano para regula-la colaboración do Concello de Vigo coa devandita asociación nas accións dirixidas á loita contra as graves dificultades de integración laboral da poboación xitana no marco dun programa europeo. A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego aporta 5 millóns de ptas. ó ano para o desenvolvemento de actuacións en Vigo do Programa Operativo Plurirrexional 2000-2006, que se desenvolve en 29 municipios de 13 comunidades autónomas.

Nestes momentos, 15 persoas de raza xitana participan nun curso de formación nunha empresa do sector de Limpeza, cun compromiso de contratación ó remate de mesmo dun mínimo de cinco traballadores. O programa de traballo da Asociación Secretariado General Gitano ten como obxectivos a acollida, orientación, acompañamento e acceso deste colectivo á formación e ó emprego. Os/as beneficiarios/as destas actuacións son persoas xitanas novas, desempregadas e en situación de exclusión social, con especial relevancia nos mozos e mozas de entre 16 e 25 anos.

Este convenio enmárcase no Plan Municipal de Emprego 2000-2003 e ten vocación de ser un punto de partida na necesaria coordinación entre tódolos axentes dedicados á loita contra o desemprego. Nese senso, a Asociación Secretariado General Gitano ten unha traxectoria acreditada no campo de acada-la inserción do colectivo xitano, cunhas peculiaridades e diferenciais culturais que requiren un traballo específico.