Escoitar

O alcalde pide un esforzo de toda a sociedade para erradicar a violencia de xénero

venres, 14 dec 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, inaugurou o Congreso de intercambio de Boas Prácticas reclamando unha maior implicación de toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero. Castrillo sinalou que ”cómpre asentar na mentalidade da nosa sociedade outra forma de entender as relacións entre homes e mulleres, estendendo un modelo baseado nas relacións de igual a igual”.



Discuso de inauguración

Nestes tempos, non é nada estrano que cando nos asomamos aos medios de comunicación atopemos noticias sobre accións violentas nas que as víctimas son mulleres. Xeralmente esas noticias refiren salvaxes actos de asasinato ou malos tratos. Desgraciadamente son a punta do iceberg dun problema que require dunha maior atención por parte de todos os estamentos sociais.

Son dos que pensan que a recorrente aparición nos medios de comunicación de noticias sobre episodios de violencia de xénero é sintomática da extensión dun mal que afecta profundamente a nosa sociedade: pero tamén creo que a divulgación destes sucesos contribúe a crear unha maior conciencia da magnitude do problema, e a suscitar un estado de ánimo favorable á implantación de medidas tendentes a combatelo.

Afortunadamente podemos dicir que hoxe a situación é moito mellor que hai unha década, alo menos no que atinxe ás posibilidades que teñen as víctimas de malos tratos de recibir axuda, asesoramento e protección legal.

No caso de Vigo, por exemplo, podémonos gabar de contar cunha rede veciñal de mulleres contra os malos tratos que é pioneira no estado. A nosa cidade dispón, por iniciativa municipal, dun Centro de Información dos Dereitos da Muller, que nunha década de funcionamento atendeu máis de nove mil mulleres. Unha boa parte das que buscaron alí asesoramento, ao redor dun 25%, eran víctimas de algún tipo de violencia. Vigo conta tamén cunha Casa de Acollida para mulleres maltratadas, un refuxio ao que acudiron xa máis de medio milleiro de mulleres, moitas delas acompañadas dos seus fillos. A Casa de Acollida non só deu acubillo a todas estas persoas en momentos dificilísimos das súas vidas, senon que tamén lles serviu de apoio para romper cun pasado que as levou a sufrir unha situación de profunda inxustiza.

Dito todo isto, teño que engadir que todo este esforzo por parte da administración e das organizacións sociais non abonda para erradicar do noso contorno a violencia de xénero. É precisa unha maior implicación de toda a sociedade para vencer escrúpulos e animar ás víctimas a rebelarse contra as inxustas situacións ás que se ven sometidas. Aínda máis. É necesario que asentemos na mentalidade da nosa sociedade outra forma de entender as relacións entre homes e mulleres. Compre extender un modelo baseado nas relacións de igual a igual, lonxe de arquetipos tradicionais que tanto lastraron o proceso de incorporación da muller aos ámbitos laborais e sociais que tiña vedados, e que aínda hoxe condea a moitas mulleres a manter unha posición subalterna respecto aos homes.

Neste labor incesante a prol da igualdade entre xéneros a tarefa máis urxente é quizais a eliminación dos casos de malos tratos, que na miña opinión non son senon a máis extrema manifestación da desiguldade que aínda existe entre homes e mulleres. Hoxe, a concelleira da Muller de Vigo, Ana Gandón, vailles presentar o Plan de Acción Municipal elaborado en Vigo para combater a violencia de xénero. É a máis recente aportación do noso Concello.

Neste Congreso teremos a oportunidade de coñecer outras experiencias interesantes que se están a desenvolver en Valencia, Cataluña ou Euskadi. Dese intercambio poderemos extraer conclusións interesantes que nos permitan avanzar por un camiño apenas esbozado.

Sexan benvidas todas e todos vostedes. Agardo que iniciativas coma esta lles sirvan de axuda e acicate no seu encomiable esforzo para erradicar do noso contorno a lacra da violencia de xénero.