Escoitar

A Xerencia de Urbanismo aproba o informe sobre o Plan Especial do Sistema Xeral Aeroportuario

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo decidiu aprobar, entre outras medidas, o informe técnico e xurídico de AENA sobre o Plan Especial do Sistema Xeral Aeroportuario, así como senllas mocións do PsdeG-PSOE e do BNG.

xoves, 31 mar 2005
1112274653gerencia.JPG
O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo aprobou hoxe xoves co voto favorable do PP e a abstención dos restantes grupos o informe técnico e xurídico sobre o proxecto do Plan Especial do Sistema Xeral Aeroportuario de Vigo datado en decembro de 2004 e promovido pola entidade "Aeropuertos Españoles y Navegación Aérea –AENA-".

Agora, este acordo deberá ser notificado á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, coa advertencia de que contra el non cabe interpór recurso ningún. Tamén se remitirá a esta institución unha copia das previsións sobre o sistema xeral aeroportuario contidas no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Mocións do PSOE e BNG

Por outra banda, o Consello da Xerencia deu o seu visto bo por unanimidade a unha moción presentada polo PsdeG-PSOE, que insta a alcaldesa á declaración de ruína das instalacións do "Grupo de Empresas Álvarez" sitas na rúa Ramón Nieto, dispoñendo con carácter de urxencia unha visita de inspección e informe sobre as condicións de seguridade do inmoble, desaloxo e demolición inmediata das edificacións.

Segundo a moción do PsdeG-PSOE, deberase suspender inmediatamente o uso de vivenda ou aloxamento destas instalacións, mediante desaloxo, precinto e, se fose preciso, vixilancia policial. Por último, requerirase á propiadade dos terreos ocupados por estas edificacións o seu mantemento en condicións de seguridade, salubridade e ornato público, dictando a correspondente orde de execución consistente no peche da parcela.

Outra moción, presentada polo BNG e aprobada cos votos favorables deste grupo, do PP e do PG, e a abstención do PsdeG-PSOE, insta a Presidencia do propio Consello e o concelleiro delegado de Urbanismo a convocar, con carácter de estudo, negociación e formulación de propostas, unha comisión representativa de veciños de Guixar coa Xerencia Municipal de Urbanismo.

O obxecto da reunión proposta polo BNG sería avanzar os criterios que aseguren o realoxo da totalidade da poboación na mesma área e a xusta participación dos propietarios nos beneficios da transformación.
Descargar todas as imaxes