Escoitar

O Cineclub Lumière ofrece en marzo mostras do cine máis recente

O Cineclub Lumière ofrece neste mes de marzo tres mostras do cine máis recente. Os filmes Contra a parede, Camiñar sobre as augas e A historia do camelo que chora achegarán temáticas e historias diferentes aos espectadores que acudan ao Auditorio da Casa do Concello. A programación do Cineclub complétase coa proxección de varias películas sobre a situación política en Palestina.

venres, 4 mar 2005
A programación de marzo do Cineclub Lumière ofrece tres mostras do cine que se está a facer en lugares tan distantes como Alemaña, Israel e Mongolia. Contra a parede, Camiñar sobre as augas e A historia do camelo que chora achegarán temáticas e historias diferentes do cine actual.

Contra a parede (Gegen die Wand), de Fatih Akin, proxectarase o 7 de marzo ás 20:30. É unha producción turco-alemana de 2004 que narra a historia dun home que é ingresado nun psiquiátrico tras intentar suicidarse. Decidido a salvar a súa vida, sae á rúa buscando estabilidade. Encóntrase con Sibel, unha alemana de orixe turca que quere fuxir dos restrictivos costuemes da súa familia.

O 14 de marzo, tamén ás 20:30, será a vez de Camiñar sobre as augas (Walt on water). Neste filme israelí de 2004 dirixido por Eytan Fox, un axente do servizo secreto xudeu ten que espiar os netos dun criminal de guerra nazi. A relación co neto provocará que o axente se cuestione moitos dos seus criterios morais.

Por último, os directores Davaa Byambasuren e Luigi Falorni tráennos A historia do camelo que chora (Die Geschichte vom weinenden Kamel), producida por un equipo mongol e alemán en 2003. Documental ficcionado, os seus actores son intérpretes non profesionais que actúan no deserto do Gobi, en Mongolia. O filme narra as experiencias que pasa unha familia de pastores nómadas mongois aos que lles nace un fermoso camelo branco ao que a nai se nega a dar de mamar.

Cine sobre Palestina

Os próximos días 22 e 23 de marzo, ás 20:30 no Auditorio da Casa do Concello, proxectaranse varios filmes sobre a situación política en Palestina. Esta é unha iniciativa dun colectivo de persoas da cidade que están a loitar polos dereitos do pobo palestino. As proxeccións son en formato DVD e a recadación destinarase a proxectos sociais en Palestina. A entrada custa 3 euros.

Así, Jenin, Jenin, dirixida por Mohammad Bakri en 2002, conta a invasión de Cisxordania por parte do exército israelí a través da testemuña dunha nena de 10 anos que encarna o valor e a vontade de resistir do pobo palestino.

Transparency, de Osama al-Zain, é un filme rodado en 2002 que trata de descubrir qué hai baixo o código de vestir, as regras morais, a fe e a relixión dunha serie de mulleres musulmanas residentes nos Estados Unidos.

De 2002 tamén é Ford Transit, dirixida por Hany Abu-Assad, narra a historia de Rajai, un taxista palestino que transporta pasaxeiros entre os controis de Xerusalén-Leste e Ramallah. El é o guía do espectador no complexo labirinto de guerra, ocupación e resistencia que se vive na zona.

Ademais, o 17 de marzo, ás 20:30 no Auditorio do Centro Cultural Caixanova, en colaboración coa Alianza Francesa, proxectarase Pai e fillos (Père et fils), de Michel Boujenah (Francia-Canadá, 2003).

Os prezos do Cineclub Lumière son os seguintes: cota anual de socio, 12 euros; cota por filme para socios, 3 euros; bono Lumière de 5 filmes, 12 euros (só para socios); cota por filme para colaboradores, 4 euros; entrada para parados, xubilados e pensionistas con carné, 3 euros.