Escoitar

Porto amosa a Colección Fotográfica do Concello de Vigo

Unha selección de 250 fotografías da Colección Fotográfica do Concello de Vigo participa, ata o próximo 13 de marzo, na mostra temporal organizada polo Centro Portugués de Fotografía de Porto baixo o título "Colección Fotográfica da Cámara Municipal de Vigo. Adquisicións da Fotobienal".

martes, 22 feb 2005
1109079691fotoj1.jpg
A exposición, composta por 102 obras da serie "O feito fotográfico" e 148 da serie "Vigovisións", encádrase no programa que sobre fotografía española realizou no 2004 o Centro Portugués de Fotografía, dependente do Ministerio de Cultura de Portugal, en colaboración co Instituto Cervantes denominada "Cartografías so Silencio Impossível, Um Ano de Fotografía Espanhola".

A directora do Centro Portugués de Fotografía, María Teresa Siza, resalta o interese de mostrar a selección de obras da Colección Fotográfica do Concello de Vigo, xa que as considera un bo expoñente do coleccionismo en fotografía e particularmente do coleccionismo público.

O Centro Portugués de Fotografía está considerado como un espacio importante pola súa programación e actividade fotográfica de relevo internacional, polo que resulta sumamente interesante que se exhiba alí unha selección da Colección Fotográfica do Concello de Vigo, xa que contribúe a difusión do patrimonio artístico municipal.

O Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO), prestou apoio técnico e participou no proceso de selección das obras expostas realizado polos comisarios da mostra, Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal.

A totalidade das obras, cuxa completa catalogación ten sido realizada polo MARCO, está depositadas neste museo, por ser a instalación que reúne as mellores condicións técnicas para conservalas.

A serie o "Feito fotográfico" se presenta como un achegamento a actividade fotográfica realizada en torno a Fotobienal de Vigo, desenvolvida entre os anos 1984 e 2000, organizada polo Concello da cidade e producida polo Centro de Estudos Fotográficos.

Nas súas primeiras edicións, nun contexto diferente ao actual, a fotografía reivindicaba a súa dimensión cultural centrándose nun triple obxectivo, na recuperación da fotografía histórica galega, na dinamización desa mesma fotografía e na inclusión de Galiza no debate da fotografía contemporánea internacional e en exposicións monográficas e colectivas.

Neste marco, as persoas que se acheguen a exposición organizada polo Centro Portugués de Fotografía de Porto, poden contemplar obras de autores como William Klein, Daniel Canogar, Mario Giacomelli, Xulio Correa, Claudia Gordillo, Ricard Terré, Jack Delano, Wojciech Prazmowski, Ana Teresa Ortega, Arthur Rothstein e Manuel Ferrol, entre outros.

Pola súa banda, o proxecto "Vigovisións" iníciao o Concello de Vigo no ano 1986, a proposta do Centro de Estudos Fotográficos, como unha sección da "Fotobienal", en virtude da cal diversos fotógrafos de prestixio internacional son invitados en diferentes edicións do certame a visitar a cidade e plasmar a súa visión da mesma nos seus traballos, convertendo así Vigo nun escenario de producción.

"Vigovisións" conta con imaxes de autores como Vari Caramés, Guy Hersant, Paul Hollander, Jorge Molder, Olivo Barbieri, Paul Graham, Xurxo Lobato, Sebastiao Salgado, Graciela Iturbide, Joan Fontcuberta, Pedro Meyer, Belén Gómez e Milagros de la Torre, entre outros.

Deste xeito, este proxecto, que comezou a súa andaina con traballos de carácter documental, foi incorporando pouco a pouco outras concepcións fotográficas, logrando manter un criterio de pluralidade estética.

A exposición "Colección Fotográfica da Cámara Municipal de Vigo. Adquisicións da Fotobienal", que foi inaugurada en decembro do 2004 coa presenza do concelleiro de Asuntos Sociais Ignacio López-Chaves Castro, pode visitarse no edificio Cadeia da Relaçao da cidade de Porto ata o vindeiro 13 de marzo.
Descargar todas as imaxes