Escoitar

Vigo acolle un encontro internacional que impulsa a importancia dos portos nos intercambios comerciais

"Nun contexto de autopistas saturadas e un centro de gravidade que se despraza ao leste, as rexións periféricas deben apostar polo tráfico marítimo nas súas relacións comerciais", opinou o concelleiro José Manuel Iglesias na presentación do encontro "As autopistas do mar e o Short Sea Shipping", que terá lugar en Vigo o 24 e 25 de febreiro.

martes, 22 feb 2005
1109080177sincartel.jpg
O concelleiro José Manuel Iglesias, xunto co presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño e o Subdirector Xeral de Ordenación do Transporte, Javier de Bidegain, presentaron o encontro internacional "As autopistas do mar e o Short Sea Shipping" que terá lugar en Vigo os vindeiros 24 e 25 de febreiro. A ocasión de reunir a destacados expertos do sector marítimo europeo xorde como resposta ao compromiso da cidade co desenvolvemento de iniciativas vinculadas ao entorno portuario con motivo da presidencia que o Concello ostenta na Comisión de Cidades Portuarias do Arco Atlántico.

O encontro pretende concienciar tanto ás administracións públicas como ao sector privado na importancia de apostar polos nosos portos e fomentar o transporte marítimo de calidade, ademais de aportar unha dimensión non só atlántica senón tamén europea, e incluso mundial, a este transporte. Trátase, en definitiva, de amosar as posibilidades que ofrece o transporte marítimo e de definir as necesidades que este presenta tanto a nivel técnico como administrativo.

Segundo José Manuel Iglesias, "nun contexto europeo duns 450 millóns de cidadáns onde o centro de gravidade desprázase ao leste e unha rede viaria saturada, as cidades periféricas deben crear unha rede de transporte transnacional de garantía, baseada no tráfico marítimo".

Pola súa banda, Vigo conta xa con experiencia neste ámbito ó través da liña que conecta o porto desta cidade coa cidade gala de Saint-Nazaire no servicio de transporte para Citroën.

Complementariedade

"As Autopistas do Mar e o Short Sea Shipping (SSS). Retos das cidades portuarias ante a globalización" ofrecerá respostas e solucións as cuestións que neste eido poidan presentarse, sobre todo nas que se refiren a materia loxística. De feito o SSS supón unha oportunidade única no desenvolvemento de liñas de transporte complementarias con outras que neste momento comezan a sufrir saturacións (estrada ou ferrocarril).

A saturación das estradas precisa dunha solución axeitada e flexible que compita en custos e acade un resultado loxístico óptimo. A conexión dos principais portos de Europa, tal e como propón a Short Sea Shipping, ofrece solucións neste eido.

A Unión Europea dispón xa de mecanismos para incentivar este proceso, principalmente a través de programas de axudas, como o Marco Polo I e o Marco Polo II. Ademais, veñen de incluírse as autopistas do mar na rede transeuropea de transportes TEN-T, o que supón elevar a promoción do transporte marítimo a unha das apostas fundamentais da Comisión Europea.

Dende o Concello de Vigo e a Comisión de Cidades Portuarias do Arco Atlántico apélase, coa organización deste Seminario, á necesidade de modernizar os portos da fachada atlántica e de captar novas liñas de tráfico marítimo, como obxectivo imprescindible para potenciar as economías locais e favorecer a atracción de novas empresas e inversión para as nosas cidades.

Expertos no seminario

Representantes institucionais de diferentes organismos así como consultores e profesionais neste eido daranse cita en Vigo co fin de avanzar e aportar conclusións e unha visión xeral da actualidade. Así, o Seminario contará coa presencia do Presidente de ANAVE (Asociación de Navieros Españoles), Juan Riva, e de Manuel Carlier, presidente de SPC Spain (asociación Española de Promoción del Transporte Marítimo a Corta Distancia).

Tratando de compartir experiencias e analizar o que se está a facer noutros portos da fachada atlántica, as xornadas contarán con representantes dos portos de Sines y Figueira da Foz. De feito, o porto de Sines perfílase como un dos que máis está a traballar no desenvolvemento do transporte marítimo a través da adecuación das súas instalacións coa construcción de novas plataformas loxísticas.

Representantes do porto de Vigo, ofrecerán unha visión actualizada das enormes posibilidades que ofrece esta cidade como cabeceira de autopistas do mar. Así, consultores especializados na materia, falarán no Seminario do camiño avanzado neste eido e analizarán a posición deste porto na fachada atlántica.

José Fernández Garrido, da Dirección Xeral de Enerxía e Transporte da UE, explicará as oportunidades que a administración supranacional aporta na implantación da SSS. O seminario contará, así mesmo, coa visión de diferentes responsables do grupo de transportes da Comisión de Arco Atlántico, empresarios e colectivos interesados.
1109080177sincartel.jpg
1109080541cartel.jpg
Descargar todas as imaxes