Escoitar

A Policía Local de Vigo entregaralle o Salacot de Honor ao pobo de Madrid pola súa valente resposta na traxedia do 11-M

A entrega farase nunha Gala de Confraternidade que servirá tamén para despedir aos oito axentes xubilados neste ano e para da-la benvida aos 29 novos axentes que se incorporan.

venres, 26 nov 2004
1101484399policia.jpg
O concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Antonio Coello, xunto co responsable da Policía Local, Carmelo García, presentaron hoxe a serie de actos institucionais que levará a cabo o corpo da Policía Local entre os días 2 e 3 de decembro.

A primeira xornada recupera un acto que non se facía dende 1991. Trátase da benvida oficial dos 29 novos axentes que se incorporan ao corpo. Tras un pase de revista, os axentes, un a un, achegaranse á Constitución e lle xurarán fidelidade. "Trátase dun acto entrañable que está aberto a todo o mundo", indicou o concelleiro.

Na seguinte xornada celébrase a Gala de Confraternidade baixo o lema "O noso traballo é noticia". Nela homenaxearase aos oito axentes xubilados neste ano e darase benvida aos 29 novos axentes incorporados. Ademais farase entrega dos trofeos do Torneo de Fútbol-7 que disputaron as Forzas e Corpos de Seguridade. A final, a día de hoxe aínda sen disputar, xogarase entre os equipos da Policía Local de Vigo e o Corpo de Bombeiros.

Nun acto emocionante, entregarase "co cariño de todo o corpo" a Metopa Institucional á familia do axente Enrique Frernández López, falecido por enfermidade no mes de abril.

Para finaliza-lo acto, a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, entregará o "Salacot de Honor" da Policía Local ao pobo de Madrid, por encarna-los valores de "fidelidade, lealdade, valentía e xenerosidade" na recente traxedia dos atentados do 11-M. O corpo de Policía decidiu o destinatario do recoñecemento de forma unánime.

O "Salacot de Honor" é unha réplica en bronce do casco tradicional da Policía esculpido polo artista local Lino Cao. A escultura, de 15 quilogramos de peso, será entregada ao Concello de Madrid como representante de todo o pobo e será concedida unha réplica de menor tamaño á Policía Local de Madrid pola súa valente actuación na traxedia.
Descargar todas as imaxes