Escoitar

A Federación Provincial de Hostaleiros celebra en Vigo o seu IV Congreso

Trataranse temas como a man de obra ben formada, a aplicación das novas tecnoloxías á hostalería ou o enfoque turístico.

venres, 26 nov 2004
1101484182hostaleiros.jpg
A Federación Provincial de Empresarios de Hostalería presentou hoxe, en compañía da concelleira Lucía Molares, o IV Congreso Provincial de Hostalería e Turismo, que terá lugar o próximo luns 29 de novembro no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). O Congreso, que reunirá unha vez mais a políticos, personalidades, provedores do sector e, por suposto, hostaleiros, dividirase en tres grandes bloques: espacio para os relatorios, zona de degustación e de presentación de provedores e cena e entrega de premios.

Lucía Molares sinalou á hostalería como o eixe central do sector turístico e destacou a necesidade dunha man de obra ben formada. Neste senso a concelleira recoñeceu que o Concello está traballando no vello proxecto da construcción dunha Escola de Hostalería. No que respecta ás datas, o proxecto estará listo a finais de ano ou principios do próximo, anque a concelleira sinalou que non teñen presa xa que confían en sacar adiante un proxecto serio e viable, para que a escola sexa "unha referencia no sur de Galicia". A Escola de Hostalería podería estar en funcionamento entre setembro e outubro de 2005.

No que respecta ao IV Congreso, o presidente da Confederación de hostaleiros, Carlos Rodríguez Cardeira, destacou o grande interese do sector pola cidade de Vigo, especialmente con motivo da próxima celebración da saída da Volvo Ocean Race, que porá a proba a calidade do sector. É precisamente a continuidade dunha liña de calidade na hostalería un dos temas principais que se abordarán no Congreso, xunto a outros como a necesidade dun persoal ben formado, vinculado ao tema da asimilación da inmigración e ao retorno dos emigrados, e temas como a tecnoloxía aplicada á hostalería, as tendencias ou o enfoque turístico.
Descargar todas as imaxes