Escoitar

Corina Porro asistiu á presentación de Dinosauros Gobissauros, unha gran exposición itinerante que estará en Vigo ata o 23 de xaneiro

É a maior exposición itinerante do mundo sobre dinosauros e contén o único exemplar do mundo dun embrión de Oviraptor. A exposición, que estará no Ifevi dende o 2 de decembro, traerá réplicas de esqueletos completos de mais de 23 metros de lonxitude.

xoves, 25 nov 2004
A alcaldesa Corina Porro asistiu á presentación da Exposición Universal de Dinosauros Gobissaurios, que a partir do próximo xoves 2 de decembro e ata o 23 de xaneiro de 2005, Vigo acolle no Ifevi. Esta exposición é a maior mostra sobre fósiles de dinosauros do período Cretáceo que existe no mundo. A través da recreación da flora e a fauna da época Mesozoica e dos fósiles orixinais rescatados do Deserto do Gobi, Mongolia, o visitante adéntrase no misterioso mundo destes animais que, vai mais de 65 millóns de anos, habitaron a terra. As pezas que compoñen a exposición proceden do Centro de Paleontoloxía da Academia Mongola da Ciencia e son propiedade da Fundación Italiana Metropolitan.

Vigo será a primeira cidade española que acolla a Exposición Universal de Dinosauros Gobissauros que xa estivo noutros países como Dinamarca, Financia, Italia e Portugal. Mais de 3 millóns de persoas en todo o mundo xa visitaron a mostra.

A Exposición Universal de Dinosauros Gobissauros recolle mais de 40 fósiles orixinais únicos no mundo. Entre os fósiles de maior valor paleontolóxico, pola súa rareza, figuran o esqueleto mais pequeno de Hadrosaurus que existe no mundo e o único embrión de Oviraptor que se conserva. O visitante tamén poderá ver diversas réplicas de dinosauros como a do esqueleto do Sauropodo Brachiosaurus, dinosauro de mais de 23 metros de lonxitude e diferentes modelos e robots que amosan a escala natural o aspecto destes animais, entre eles, o Tyrannosaurus Rex.

Actividades paralelas

Durante o tempo que a exposición permaneza aberta haberá actividades paralelas de carácter educativo, audiovisual e científico. As actividades educativas centraranse en ampliar o coñecemento que os nenos teñen sobre o mundo dos dinosauros con diferentes talleres a desenvolver durante o horario de exposición. A faceta pedagóxica complétase coa proxección de audiovisuais sobre a vida dos dinosauros e as distintas versións sobre a súa desaparición.

Por último, no marco da exposición, especialistas nacionais e estranxeiros impartirán diferentes conferencias de divulgación científica relacionadas co estudio dos dinosauros.