Escoitar

Presentouse no Concello o congreso "Ciclismo e bicicletas na sociedade do século XXI", que falará das perspectivas deste deporte no novo milenio

Coa presencia de personalidades tan significativas como Miguel Indurain, Manolo Saiz e Álvaro Pino, membro ademáis da organización, o congreso chegará a Vigo o día 10 de novembro coa intención de servir de punto de encontro aos profesionais, que discutirán sobre a súa visión do ciclismo no século XXI.

venres, 5 nov 2004
1099666429vici.jpg
A concelleira Lucía Molares presentou o Congreso de ciclismo e ciclo de conferencias: "Ciclismo e bicicletas na sociedade do século XXI". Dito evento trata de promover un punto de encontro que permita ofrecer unha visión o mais realista posible da situación actual do ciclismo e os cambios que se establecen.

Acompañando á concelleira presentaron o Congreso catro dos responsables da organización, Álvaro Pino, José Ángel García Freire (Xagarós), e os ciclistas Marcos Serrano Rodríguez e Óscar Pereiro Sío.

Segundo os especialistas o mundo do ciclismo anuncia novos e importantes cambios. Discútense reformas dirixidas ás altas esferas coa intención de adaptar este deporte centenario ao paso do tempo e á sociedade actual. Reformas que acabarán por afectar a tódolos estamentos ciclistas.

Coa intención de promover un punto de encontro que permita ofrecer unha visión o mais realista posible da situación actual do ciclismo e os cambios que se establecen, organizouse este "Congreso de ciclismo: Ciclismo e bicicletas na sociedade do século XXI".

Durante tres xornadas un elenco de personalidades do máximo prestixio internacional, nunca antes reunido en Galicia, analizarán a situación deste deporte. Personalidades tan significativas do ciclismo como Miguel Indurain, Álvaro Pino ou Manuel Saiz, en colaboración con autoridades en outros campos sociais en constante interacción con este deporte, ofrecerán unha imaxe precisa sobre os novos marcos nos que se encadra o ciclismo do século XXI.

O congreso servirá tamén para facerse eco das reflexións e iniciativas dos asistentes, polo que se abrirá un apartado de Propostas para o ciclismo do século XXI, onde os ciclistas, a título persoal ou colectivo, poderán expoñer as súas ideas.

Analizarase así mesmo a situación que se lle perfila ao ciclismo nos países e as rexións periféricas de Europa, como pode ser o caso do ciclismo portugués e galego.

O Congreso estará dividido en dous apartados, un específico para congresistas e outro para o público en xeral. Así, a partir das 20 horas haberá coloquios abertos para tódolos afeccionados que queran achegarse. "Habendo personalidades da talla de Miguel Indurain ou Manolo Saiz sería moi pobre reducir o impacto das súas intervencións só a uns poucos privilexiados", comentou Xagarós, un dos responsables da organización.

A cidade de Vigo acolle a primeira e terceira xornada do congreso, que se celebrará os días 10 e 12 de novembro no salón de actos do Verbum, mentres que a segunda xornada terá lugar no Palacio de Congresos de Pontevedra.
Descargar todas as imaxes