Escoitar

Volve o programa "Noites Vivas", unha iniciativa de ocio alternativo para a mocidade viguesa

Unha nova edición do programa "Noites Vivas", deseñado pola concellería de Xuventude, volta dende mañá ás noites viguesas e estará presente tódolos venres e sábados ata o 18 de decembro en distintos pavillóns deportivos e asociacións xuvenís e veciñais.

xoves, 4 nov 2004
A Concellería de Xuventude presentou unha nova edición do seu programa "Noites Vivas", que estará presente tódolos venres e sábados dende o día 5 de novembro ata o 18 de decembro no Centro Xuvenil Municipal da rúa Uruguai, no Pavillón do Berbés, na Asociación Xuvenil Cancerbero e nas Asociacións Veciñais de Camiño Vello de Coia e Doutor Fleming.

Este programa conta, entre os seus obxectivos, ofertar un abano de posibilidades para que os xoves poidan elixir en qué investir o seu tempo de lecer, durante as noites das fins de semana, dun xeito activo e participativo.

Así pois, a programación que agora se pon en marcha conta con actividades moi variadas: deportivas, culturais, artísticas, formativas, recreativas, etc.

- No Centro Xuvenil Municipal (Uruguai, 9), os venres e sábados, a partires das 22:30h. haberá dous obradoiros (un deles de cociña), acceso a internet, un espacio para quedar e Selfservice (obradoiros sen monitor) .
- No Pavillón do Berbés (Jacinto Benavente, 1) os venres e sábados, dende as 23:00h.: bailes, algunha modalidade deportiva, musculación e squash.
- A.X. Cancerbero (Heraclio Botana, 6) : os venres, a partires das 23:00h. xogos de mesa, rol e estratexia.
- A.V. Camiño V. de Coia ( Marín, 1): todos os venres, a partir das 23:30h., un obradoiro de cociña e acceso a internet.
- A.V.Doutor Fleming (Zamora, 80): os venres, dende as 22:00h., un obradoiro, acceso a internet, torneo de xogos en rede e unha sala de ocio (con televisión e vídeo, tetería e infusións, xogos de mesa e dardos electrónicos).

Ademais destas actividades gratuítas, tamén se inclúen:
- Unha macrofesta no pavillón do Berbés, o 19 de novembro, con música , DJ´s, espectáculos de performance, luz, imaxe e son, etc, realizada en colaboración coa Asociación Xuvenil de Xoves Emprendedores Delta House, que conta coa participación das delegacións de alumnos da Universidade e Institutos da cidade. O prezo da entrada será de 2 €.
- Un concerto de Samuel Leví e banda, no Auditorio do Centro Cultural Caixanova, o 4 de decembro ás 22:30 h.Este concerto servirá para promocionar a este xove vigués que acaba de gravar o seu primeiro traballo.