Escoitar

O Pleno aproba por unanimidade o convenio para a constitución do "Consorcio Casco Vello de Vigo"

O convenio entre Concello, Zona Franca e Instituto Galego de Vivenda ten como finalidade a xestión común da recuperación e rehabilitación de edificios no Casco Vello de Vigo.

xoves, 4 nov 2004
O Pleno do Concello de Vigo reuniuse hoxe para tratar o punto único do convenio fundacional entre o Concello de Vigo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Instituto Galego da Vivenda e Solo para a constitución do "Consorcio Casco Vello de Vigo". O convenio, que foi aprobado por unanimidade polo Pleno, ten como finalidade a constitución dun consorcio interadministrativo de carácter local para a xestión en común da recuperación e rehabilitación de edificacións no Casco Vello de Vigo. A sesión serviu así mesmo para aprobar de maneira provisional o proxecto de Estatutos do Consorcio.

Esta iniciativa supón unha inversión ata 2008 de 30 millóns de euros, dos que 15 millóns serán aportados pola Zona Franca, 12 millóns polo Instituto de Vivenda e Solo e 3 millóns polo Concello de Vigo. Para o cumprimento e control do conveniado constituíuse unha Comisión de Seguimento formada por membros das tres institucións.