Abel Caballero celebra o crecemento de Zona Franca en Porto do Molle
Máis de 150 asistentes participaron ao acto, que contou con representantes institucionais, de asociacións empresariais e sociais e de compañías instaladas no Parque Empresarial. Porto do Molle incorpora 14 novas naves empresariais, unha cuestión que para o alcalde de Vigo supón "atracción de industria, innovación, emprego de calidade e futuro para Vigo e toda a súa área".
Servizos para as empresas, xeración de emprego de calidade, atracción de talento e unha aposta firme pola sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a vangarda arquitectónica. Con esta ecuación defínense as catorce novas naves da Zona Franca de Vigo no Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, que se inauguraron este xoves coa asistencia de máis de 150 persoas do ámbito institucional, empresarial e social da área de Vigo.
Abel Caballero, como presidente da Zona Franca e alcalde de Vigo, destacou que “estas catorce naves son moito máis que novos espazos empresariais: son industria, innovación, emprego de calidade e futuro para Vigo e toda a súa área”. Caballero sinalou que “esta é a Zona Franca que queremos e que estamos construíndo, unha Zona Franca con ambición, ao servizo da economía e das empresas, capaz de xerar as condicións para que o talento quede aquí e para que novas compañías queiran vir instalarse”.
Na súa intervención, o delegado do Estado mostrou “o gran orgullo que temos na Zona Franca porque estas catorce naves modulares representan de forma moi clara o estilo dos equipamentos que poñemos á disposición do tecido empresarial: naves e oficinas dun deseño avanzado, innovadoras, eficientes e sostibles”. Regades agradeceu ás empresas da área de Vigo e Galicia o “gran interese que mostraron para poder trasladarse a traballar a un parque como Porto do Molle, tanto, que practicamente cando rematamos as obras, as naves e oficinas xa tiñan moitos candidatos”. “Este Parque Empresarial, dixo o delegado, é unha das xoias de Zona Franca e un modelo de sustentabilidade e innovación en todo o Estado. Quen o fan posible son as empresas e a todas as que están instaladas aquí quero agradecerlles o seu traballo, o seu compromiso e a súa complicidade”.
O complexo das catorce novas naves nas parcelas 6.02 e 6.03 de Porto do Molle tivo un orzamento de 11.527.544,55 euros, financiado integramente polo Consorcio.
O evento, amenizado pola Banda Agrupación Musical de Matamá e polo grupo “La buena vida”, contou coa presenza do delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; do subdelegado na provincia, Abel Losada; así como dos alcaldes de Nigrán e Gondomar, Juan González, Francisco Ferreira, ademais de responsables e traballadores das empresas das naves e do resto de compañías instaladas en Porto do Molle.