Escoitar

Caballero reclama á RFEF información oficial sobre a candidatura de Vigo ao Mundial 2030

“Nestes momentos aínda non temos ningunha notificación oficial con respecto ao Mundial 2030”, advertiu o rexedor, que censurou que a cidade continúe sen coñecer se a RFEF trasladou formalmente a candidatura viguesa á FIFA nin cando se producirá unha eventual visita dos técnicos internacionais a Balaídos. Caballero tamén sinalou que “Vigo no mes de decembro terá tres bancadas preparadas para o mundial. Hai campos que Louzán seleccionou que non teñen ningunha”.

xoves, 10 set 2026

Abel Caballero reclamou este xoves á Real Federación Española de Fútbol que informe oficialmente ao Concello sobre a situación da candidatura de Vigo para acoller o Mundial de Fútbol de 2030. O alcalde censurou que, chegado o mes de setembro, o Concello continúa sen recibir comunicación oficial da Real Federación Española de Fútbol sobre o traslado da candidatura de Vigo á FIFA nin sobre a anunciada visita do organismo internacional para avaliar os avances das posibles sedes.

“Estamos xa en setembro e aínda non temos comunicación algunha de que se enviou a proposta de Vigo á FIFA nin sobre a posible visita a Balaídos”, sinalou Caballero. O Concello xa reclamara en marzo á Federación unha comunicación “de forma inmediata e oficial” despois de coñecer a través dos medios a intención da RFEF de trasladar a candidatura viguesa á FIFA. O alcalde lembrou que foi a propia Federación a que, na súa Asemblea Xeral do pasado 30 de xuño, situou Vigo e Valencia como alternativas ás candidaturas que decaeron e avanzando que, despois de setembro, a FIFA volvería visitar España para comprobar os avances das candidaturas e entrar nunha fase decisiva da organización do torneo.

Na mesma liña, Caballero cuestionou as últimas manifestacións de Rafael Louzán sobre o estado das obras do estadio, rexeitando as dúbidas sobre os prazos de execución e asegurando que “Vigo no mes de decembro terá tres bancadas preparadas para o mundial. Hai campos que Louzán seleccionou que non teñen ningunha”. O rexedor reiterou que Vigo continúa executando as actuacións previstas en Balaídos “en tempo, forma e prazo”.

As obras da nova bancada de Gol avanzan coa instalación da estrutura da cuberta e a previsión municipal é que estea rematada a finais deste ano. A nova bancada contará con máis de 7.000 localidades e elevará o aforo do estadio por riba dos 30.000 espectadores. En paralelo, o Concello xa iniciou a transformación de Tribuna no mes de xuño, cando comezou a obra física para retranquear uns 30 metros os colectores do Lagares e Fragoso, unha actuación de 2.821.994 euros necesaria para poder ampliar posteriormente a bancada. O proxecto municipal permitirá que Balaídos supere os 40.000 espectadores e cumpra as condicións de capacidade previstas para acoller encontros do Mundial.

O alcalde contrapuxo a posición da Federación co respaldo expresado esta semana polo presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Rodríguez Uribes, que sinalou que España conta neste momento con once posibles sedes, explicando que, “entre elas está Vigo, que sí quere, e Valencia, que tamén quere”, para posteriormente, manifestar a súa confianza en que ambas cidades formen parte finalmente do Mundial: “Creo que sí estarán Vigo e Valencia, eu defendín que entren”.

O goberno da cidade continúa trasladando a necesidade de que Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra participen economicamente na ampliación de Balaídos, reclamando que as tres administracións asuman a partes iguais os investimentos vinculados á transformación de Tribuna. Caballero rexeitou o argumento de que sexa o Goberno de España quen deba financiar a reforma do estadio e lembrou que o Executivo estatal non sufraga as remodelacións dos campos das restantes candidaturas, senón aquelas actuacións de comunicacións e infraestruturas que corresponden ás súas competencias.

Descargar todas as imaxes