Escoitar

A 1ª edición da Incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC selecciona 30 proxectos innovadores

O proxecto, liderado polo Consorcio da Zona Franca xunto con Gradiant e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía desenvolveu o Welcome Day, que marca o comezo de seis meses de traballo nos que os equipos serán guiados por persoas expertas no seu proceso de desenvolvemento, validación e chegada ao mercado. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou os proxectos seleccionados nunha “iniciativa que vai contribuír a que Vigo siga sendo unha referencia en emprego tecnolóxico”.

mércores, 9 set 2026

Impulsar o emprego tecnolóxico na área de Vigo e lanzar novos proxectos para sectores clave da economía, promovendo o progreso do sector TIC a través da innovación e a transformación dixital e o desenvolvemento de propostas pioneiras e disruptivas. Con este obxectivo arrancou a 1ª Edición da Incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC, inaugurada na Zona Franca de Vigo. É un ambicioso proxecto que conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Plurirrexional de España FEDER 2021-2027 e da iniciativa «Infraestruturas destinadas a Incubadoras de Alta Tecnoloxía en sectores estratéxicos emerxentes en Europa», impulsada pola Fundación INCYDE das Cámaras de Comercio de España.

A xornada contou coa participación dos equipos dos 30 proxectos seleccionados para esta 1ª edición que, a partir de hoxe, traballarán nun programa intensivo de incubación de 6 meses, nos que serán guiados e acompañados no seu proceso de desenvolvemento, validación e chegada ao mercado. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou os proxectos seleccionados nunha “iniciativa que vai contribuír a que Vigo siga sendo unha referencia en emprego tecnolóxico”. “A Incubadora de Alta Tecnoloxía é un gran logro para a cidade e para impulsar o sector TIC, no que xa somos un modelo en todo o Estado e máis aínda cando inauguremos o VgoTIC Global HUB en López Mora que será o complexo tecnolóxico máis importante do Noroeste”.

Na apertura, David Regades sinalou que “hoxe é un día moi importante para a Zona Franca de Vigo e para os nosos socios como son a Cámara de Comercio e Gradiant, para a Fundación INCYDE e tamén para os equipos dos proxectos seleccionados. Hoxe comezamos xuntos unha aventura moi ilusionante, marcada pola innovación e as novas tecnoloxías. Xa eramos un referente nos novos sectores industriais, pero coa incubadora startTIC damos un gran paso para consolidar o sector TIC na área de Vigo e apoiar o tecido empresarial”. O delegado do Estado sinalou tamén a importancia de que a maior parte dos proxectos aposten pola Intelixencia Artificial, pola ciberseguridade e a soberanía do dato, “e con aplicacións que serán estratéxicas para a economía galega”.

A intelixencia artificial é a tecnoloxía predominante, con presenza en 8 de cada 10 iniciativas seleccionadas, que aplican distintas modalidades, desde IA xerativa ata axentes autónomos. Ademais, un 20 % dos proxectos aposta por tecnoloxías vinculadas á ciberseguridade e á soberanía do dato, con solucións orientadas desde a protección de infraestruturas críticas ata a detección de deepfakes. O mapa tecnolóxico complétase con iniciativas baseadas en Internet das Cousas (IoT), robótica e edge computing.

Os proxectos seleccionados propoñen aplicacións en sectores estratéxicos para a economía. Outro 20 % desenvolve solucións de intelixencia artificial e sensórica aplicables ao ámbito marítimo, desde a pesca e a acuicultura ata as comunicacións portuarias. Tamén teñen presenza as propostas vinculadas á automoción e á mobilidade conectada, así como proxectos dirixidos ao medio rural, con solucións de dixitalización agrícola e de prevención de incendios forestais.

Descargar todas as imaxes