Escoitar

Volven as visitas guiadas para escolares nos museos municipais

O Concello retoma este curso o programa de visitas guiadas á rede dos museos municipais dirixido a escolares de todas as etapas educativas. Desde o luns 14 ao mércores 30 de setembro, os centros educativos interesados en participar no programa cultural, que inclúe desprazamentos gratuítos en autobús, poderán inscribirse para participar na actividade didáctica, incluídos o programa Concello Educa, que terán lugar no Museo Quiñones de León e no CMAG Vigo-Casa das Artes.

mércores, 9 set 2026

O alcalde explicou este mércores que o programa ten por obxectivo facilitar o coñecemento dos museos municipais a todo o estudantado de Vigo, desde Educación Infantil ata Bacharelato. “É un labor educativo, de lecer, de entender o que é a arte e de gozar vendo, entendendo e facendo arte ”, afirmou Abel Caballero ao detallar que durante unha hora e media os escolares, alén de percorrer os museos municipais, realizarán actividades e talleres didácticos.

Durante o pasado ano un total de 11.950 persoas, dos que 6.219 son escolares, participaron no programa de visitas guiadas á rede de museos municipais de Vigo. O Concello inviste 55.000 euros nunha iniciativa que no segundo trimestre incorporá á pinacoteca Fernández del Riego así como novas actividades nas sedes do CMAG.

Actividades do primeiro trimestre

Museo municipal de Castrelos:

• Educación infantil: “O Pazo a través dos sentidos”. Os escolares coñecerán a vida do pazo a través de xogos.

• 1º e 2º de Educación infantil: “Descubrindo un xardín con historia”. Visita lúdica polos xardíns para descubrir as vexetación do pazo.

• 1º e 2º de Educación Primaria: “Érase unha vez o pazo”. Visita e actividades prácticas para coñecer os obxectos, vestiario e medios de transporte da época.

• 3º e 4ª de Educación Primaria: “Do pasado ao presente da vida no pazo”: Proposta para coñecer o modo de vida do pazo, os cambios rexistrados e o que permanece.

• 5º e 6º de Educación Primaria: “Un pazo, moitas vidas”: Mirada social para fomentar o coñecemento do pasado e conectalo coa actualidade.

• De 3º a 6º de Educación Primaria: “As orixes da cidade”: Visita á sala de arqueoloxía para coñecer a vida dos poboadores de Vigo desde a prehistoria.

• Educación Secundaria e Bacharelato: “Pegadas do pasado de Vigo”: visita á sala de arqueoloxía.

• Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional: “O pazo con outros ollos”. Aproximación ao modo de vida das mulleres vinculadas a Castrelos e reflexión sobre xénero, clase social, privilexios e estereotipos.

CMAG VIGO, Casa das Artes:

• De 3º a 6ª de Educación Primaria: “Mirar a arte con outros ollos” .

 

 

Descargar todas as imaxes