O alcalde inaugura o curso escolar no CEIP A Doblada
O alcalde destaca os máis de 18 millóns de euros que o Concello dedica á educación e reivindica o papel do profesorado na transmisión de “coñecemento e valores”. O curso 2026-2027 comeza hoxe con 34.710 estudantes nas aulas de Vigo.
Abel Caballero participou este mércores no CEIP A Doblada na inauguración do curso escolar na cidade, que comeza con 34.710 alumnas e alumnos de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Durante a visita, o rexedor dirixiuse ao alumnado destacando a importancia da formación: “No presente, a educación, e no futuro serán grandes profesionais”, afirmou, poñendo tamén en valor o labor do profesorado na transmisión de “coñecemento e valores”.
Caballero cifrou en máis de 18 millóns de euros anuais o investimento do Concello en educación. Entre as principais partidas citou máis de 3,5 millóns para a limpeza dos colexios; máis de 1,5 millóns para vixilancia, reparacións, mantemento e enerxía; e máis de 3 millóns anuais para as becas de comedor.
O alcalde referiuse tamén aos investimentos en infraestruturas educativas, entre eles 2 millóns de euros para actuacións nos patios do Celso Emilio Ferreiro e Lope de Vega, así como máis dun millón para cubertas no Celso Emilio Ferreiro e no Chans Bembrive. A estas actuacións sumou os case 3,5 millóns de Vigo en Inglés, os recursos destinados ás ensinanzas artísticas, 2,7 millóns para as escolas infantís municipais gratuítas, incluído o comedor, e preto dun millón de euros para a UNED de Vigo.