Escoitar

Nova programación do Centro de Recursos Feministas e da Casa das Mulleres

Obradoiros de teatro, canto ou técnicas de autocoidado; formación en igualdade para profesionais; ciclo de faladoiros ou presentación de libros son algunhas das actividades programadas polo Concello entre setembro e decembro de 2026.

mércores, 9 set 2026

O Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo avanza a programación de setembro a decembro de 2026 que inclúe ciclo de faladoiros, club de lectura, visitas escolares, charlas virtuais, presentación de libros e un obradoiro de podcast.

O Centro organiza tamén visitas escolares de 4º de Educación Primaria a 2º da ESO, os luns e venres en horario de mañá. Amais, haberá charlas virtuais cos centros de ensino, para as que é precisa a inscrición previa. “Non todo é un meme: cando o machismo se fai viral” é o título da actividade que imparte Raquel Bernárdez Rodal, os luns e venres en horario de mañá.

Ciclo de faladoiros:

-Martes, 6 de outubro, 19:00. “Julia Minguillón e Maruxa Mallo. O reencontro coa modernidade na posguerra”. María Victoria Carballo-Calero

-Martes, 27 de outubro, 19:00. “Raíñas de Galicia, unha viaxe ás vidas das mulleres que tiveron poder —moito poder— no antigo Reino de Galicia”. Diana Pelaz Flores

-Martes, 17 de novembro, 19:00. “Tres mulleres de armas tomar. María Balteira, María Castaña e María Soliña”. Guillermina Domínguez

-Martes, 1 de decembro, 19:00. “En loita”. Mazarelos, 2026. Documental (30’). Laura Rodríguez Rodríguez

Club de Lectura (necesaria inscrición previa):

-Mércores, 30 setembro, 18:00h. Relatora Beatriz Fernández, libro “A través de mis pequeños ojos” de Emilio Ortiz

-Mércores 28 outubro: Rexina Vega relata “O axolote” de Lara Dopazo.

-Mércores 25 novembro: relatora Silvia Penas, libro “Punto de araña” de Nerea Pallarés

-Mércores 23 decembro: Mar Caldas relata “La mujer helada” de Annie Ernaux.

Presentación de libros:

-Martes, 29 de setembro, 19:00h, “Sereas afónicas” de Luísa Abad

-Martes, 20 de outubro, 19:00h, “Las cosas que nos pasan” de Guada Guerra

-Martes, 3 de novembro, 19:00h, “El tempo de la sal”, María Teresa Pereiro

-Martes, 24 de novembro, 19:00h, “A liberdade que me habita” de Beatriz Cabaleiro

O Centro de Recursos Feministas prepara tamén un obradoiro de podcast con perspectiva de xénero que se desenvolverá os xoves 15, 22 e 29 de outubro; os días 5, 12, 19, 26 de novembro e 3 de decembro. Serán oito sesións, de 18:00 a 20:00h, que impartirá Eva Ventín Lorenzo e para as que é preciso inscribirse previamente.

Casa das Mulleres de Vigo

O Concello preparou catro obradoiros para os que é precisa a inscrición previa e a confirmación da praza (terán preferencia as persoas empadroadas en Vigo) e un programa de formación en igualdade para profesionais no eido educativo e social para o último trimestre do ano.

Obradoiro “Conciencia e poder feminino”. Os luns desde o 2 de novembro ao 21 de decembro de 17:30 a 20:30 horas. Destinado a mulleres maiores de 18 anos que desexen comprender as súas feridas emocionais, mellorar a relación consigo mesma e coas demais persoas e reconectar coa súa forza interior, a súa intención e a súa autenticidade, da man de Laura Rodríguez Viéitez, psicóloga e axente de igualdade. Desde un enfoque feminista, comprensivo e respectuoso, ofrece un percorrido cara o empoderamento feminino para lograr ser máis conscientes, libres e conectadas consigo mesmas.

Obradoiro de “Teatro cómico: rir para resistir”. Os xoves, desde o 24 de setembro ao 17 de decembri de 18 a 20 horas. Destinado a mulleres maiores de 18 anos que queiran explorar a súa creatividade, divertirse e descubrir o teatro cómico. Non é necesaria experiencia previa en teatro. A formadora será Arantxa Treus, cómica, actriz e mestra de cerimonias e o obxectivo é perder o medo ao ridículo, a relativizar erros, fomentar a expresión artística e o empoderamento de mulleres a través do teatro cómico. O curso culmina cunha mostra escénica colectiva creada polas participantes a partir das súas propias experiencias e miradas.

Obradoiro de canto para mulleres “Con voz propia”. Os luns, desde o 21 de setembro ao 21 de decembro de 18 a 20 horas. Destinado a mulleres maiores de 18 anos ás que lles guste cantar. Non se precisa cantar “ben”. A formadora é Cristal Méndez Queizán, mestra de canto moderno, música e arteterapeuta. O obxectivo é fomentar o empoderamento e a propia estima, explorar e liberar os recursos expresivos da voz e do corpo, incrementar a conciencia e os coñecementos sobre o funcionamento da voz, a respiración e as sensacións, para mellorar a voz e, tamén, a saúde e o benestar, aprender a autorregulación do sistema nervioso e promover os valores de inclusión, integración e respecto da diversidade.

Obradoiro “Técnicas de autocoidado e regulación emocional”. Os martes, desde o 3 de novembro ata o 22 de decembro, de 17:30 a 20:30 horas. Destinado a mulleres maiores de 18 anos que desexen comprender como a socialización diferencial de xénero inflúe na regulación emocional, na relación co corpo, na xestión dos límites, na construción da identidade, na relación cos coidados e na vivencia da culpa e da autoesixencia. A formadora é Laura Rodríguez Viéitez, psicóloga e axente de igualdade. O obxectivo é identificar os mandatos de xénero interiorizados e os patróns de comportamento asociados ás experiencias vitais, tomar unha maior conciencia emocional e corporal, fortalecer a capacidade de escoita das propias necesidades, favorecer o establecemento de límites saudables como medida de autocoidado, construír unha relación máis integrada e compasiva cunha mesma e xerar espazos de apoio mutuo e reflexión compartida entre mulleres.

Formación en igualdade para profesionais do eido educativo e social. Os venres, desde o 16 de outubro ao 18 de decembro, de 17:30 a 20 horas. Destinado a mulleres e homes maiores de idade con perfil profesional nos eidos social e da educación (formal e/ou non formal), tendo preferencia aquelas persoas empadroadas no Concello de Vigo. A formadora é Raquel Bernárdez Rodal, axente de igualdade. O obxectivo xeral é proporcionar ao persoal participante coñecementos básicos sobre igualdade de xénero e ferramentas para incorporar a perspectiva de xénero na atención ás persoas e no desempeño das súas funcións profesionais. Entre os obxectivos específicos: coñecer os conceptos fundamentais relacionados coa igualdade de xénero, identificar estereotipos, roles e prexuízos de xénero presentes na sociedade e nos ámbitos profesionais, comprender as principais desigualdades que afectan a mulleres e homes, aplicar criterios de comunicación inclusiva e linguaxe non sexista ou promover boas prácticas que contribúan á igualdade de oportunidades no ámbito profesional.

 

Descargar todas as imaxes