Caballero destaca a beleza arquitectónica do “novo pavillón” de Zamáns
O alcalde destacou este venres o investimento de 850.000 euros realizado polo Concello para dotar á pista deportiva cunha cuberta “extraordinaria”.
Abel Caballero explicou que a reforma “garante a utilización óptima da pista durante todos os días do ano” tanto en horario diurno como nocturno pola instalación dun teito translúcido e un novo sistema de iluminación con luces led. A nova estrutura está formada por pórticos de madeira laminada, paneis metálicos e lucernarios que favorecen a entrada de luz natural. A iluminación artificial tamén foi renovada cunha nova disposición de puntos de luz LED que permitirá utilizar o recinto durante a noite. O proxecto incluíu ademais a renovación completa do pavimento deportivo.
A estrutura, construída cun peche de madeira, conta cunha nova bancada con capacidade para cen espectadores e garante a máxima accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. A actuación incorpora tamén unha bancada de 27 metros de lonxitude, a renovación da xardinería e das zonas verdes e unha edificación semienterrada de 156 metros cadrados destinada inicialmente a almacén.
O alcalde avanzou a posibilidade de dotar á instalación cun vestiario para que se converta “nun pavillón máis da cidade” , así como o proxecto de seguir construíndo espazos deportivos para toda a cidade.