Vigo convoca o concurso de ideas para deseñar a escultura de Iago Aspas en Balaídos
A Xunta de Goberno Local aprobará este venres a contratación do concurso de ideas para o deseño e realización da escultura coa que a cidade homenaxeará a Iago Aspas. O certame estará dotado con 15.000 euros en premios e a proposta gañadora recibirá posteriormente o encargo para executar a obra, cun orzamento máximo de 200.000 euros.
“Continuamos o proceso para ofrecerlle a Iago Aspas a homenaxe que merece por parte da cidade de Vigo”, explicou Abel Caballero. O Concello avanza así no procedemento iniciado tras a aceptación do futbolista para que a cidade lle dedique unha escultura, que se instalará no exterior do estadio municipal de Balaídos.
O concurso de ideas distribuirá 15.000 euros entre as tres propostas mellor valoradas: 9.000 euros para o primeiro premio, 4.000 para o segundo e 2.000 para o terceiro. Ao autor ou autora da idea gañadora contrataráselle posteriormente a realización e execución da escultura, cun importe máximo de 200.000 euros. Unha vez finalizada, a obra situarase no exterior de Balaídos, que como xa avanzara o rexedor, o emprazamento previsto estará na contorna da confluencia das gradas de Tribuna e Marcador.
Caballero definiu a Aspas como “o deportista máis destacado da historia do deporte na cidade de Vigo” e destacou a súa condición de máximo goleador histórico do Real Club Celta. O alcalde salientou ademais os valores de “arraigo, fidelidade institucional e compromiso co seu equipo e coa cidade” que representa a súa traxectoria. “É un elemento de cohesión social e de orgullo colectivo. Será unha gran homenaxe, tan merecida, a Iago Aspas”, concluíu o rexedor.