Escoitar

O Concello estende o estudo acústico do Nadal para seguir reducindo o seu impacto

O Goberno municipal vén de aprobar a licitación do servizo dun estudo de impacto acústico e medicións acústicas “in situ” dos diferentes eventos do Nadal para as dúas próximas temporadas.

luns, 13 out 2025

“Estamos moi atentos a todo o que ten que ver co impacto acústico”, apuntou o alcalde, ao dar conta da licitación do servizo por un importe de 28.843 euros co que o Concello quere “reducir ao mínimo o impacto do ruído; xa o conseguimos en edicións anteriores”.

No novo estudo que licita o Goberno de Vigo, os traballos executaranse en tres fases. Na primeira, realizarase un estudo acústico previo no que se elaborará un mapa de ruídos da zona. A segunda fase comprende a predición acústica das actividades: atraccións, circo, fío musical… e de que forma van operar, contemplando posibles cambios de localización, amais da elaboración dun novo mapa de ruídos da contorna, a comparativa coa situación acústica previa de anos anteriores e a proposta de medidas correctoras. A terceira fase inclúe as medicións durante o Nadal, que serán un total de 200 en diferentes franxas horarias; o 60% serán diúrnas e o 40% nocturnas, cun tempo de media hora cada unha, en días de alta e baixa afluencia.

Tal e como explicou o alcalde, “queremos compatibilizar o desenvolvemento do Nadal, como vimos facendo nos últimos anos, coa convivencia” nas zonas do Nadal que acollen os eventos, as atraccións, a megafonía ambiente, os espectáculos… Con ese fin, o Goberno municipal xa realizou estudos de impacto acústico e medicións in situ en anos anteriores e xa aplicou medidas correctoras. Ademais, desde 2007 e cada 5 anos, actualiza o mapa estratéxico de ruídos do Concello, que recolle o impacto acústico e do que deriva un Plan de acción con medidas a implantar.

 

 

 

Descargar todas as imaxes