Escoitar

O alcalde alerta: “Vigo só ten auga para 100 días. Cómpre manter un consumo responsable”

O rexedor criticou as declaracións da conselleira de Medio Ambiente, que cualificou de “falsas e extemporáneas”, asegurando que transmitiron “a sensación de que o problema estaba resolto”. “Se a Xunta garante o abastecemento, por que o alcalde de Baiona chamou a Vigo para pedir auga?”, preguntouse.

xoves, 9 out 2025

Abel Caballero lembrou que o Concello leva aplicando medidas de aforro desde o pasado 8 de agosto, e que se ten dirixido en dúas ocasións aos concellos da área metropolitana “para recomendar un consumo moi responsable e continuar co esforzo conxunto para reducir o consumo”.

“Temos auga para 100 días. Só para 100 días. Estamos nunha situación difícil”, afirmou o rexedor, quen explicou que as previsións meteorolóxicas apuntan a dous días de choiva nas próximas semanas, pero sen perspectivas de abundantes precipitacións.

Tal e como apuntou, a cidade atópase na segunda peor situación histórica de abastecemento, peor incluso que no ano 2013. “Quero que todo Vigo o entenda, porque a conselleira mente: estamos peor ca en 2017, cando estivemos a piques de quedar sen auga”, advertiu.

O alcalde insistiu en que a nova potabilizadora municipal, financiada polo Concello e o Goberno de España, é o que permite que Vigo dispoña de auga ata un máximo de 100 días. “A potabilizadora dálle á cidade un mes máis de abastecemento porque permite tratar auga de máis profundidade, que contén máis ferro, e que agora somos capaces de eliminar. Sen esa infraestrutura, teriamos auga para menos dun mes”.

Ademais, destacou que a renovación das redes de abastecemento durante os últimos anos reduciu ao mínimo as fugas, permitindo sumar “dous meses de auga adicional grazas ao investimento municipal e ao aforro cidadán”.

En contraposición, acusou á Xunta de Galicia de “non facer nada” e reclamou unha redución do caudal do río para almacenar máis auga nos encoros sen afectar á biodiversidade. “A Xunta fala, pero non actúa. E lanza mensaxes que inducen á relaxación. Non está garantido nada. Quen garante o abastecemento é o Concello coa súa acción e a cidadanía de Vigo aplicando as medidas de aforro”, subliñou. O rexedor criticou as declaracións da conselleira de Medioambiente, que cualificou de “falsas e extemporáneas”, asegurando que transmitiron “a sensación de que o problema estaba resolto”.

O alcalde incidiu na súa vontade de cooperación cos municipios da contorna: “Vigo é solidaria. Estamos a subministrar auga a Cangas, Moaña, Redondela, Mos e O Porriño, e tamén atenderemos a Baiona se o precisa. Pero é Vigo quen garante esa auga, non a Xunta”. Con todo, fixo un chamamento á poboación da área para un consumo responsable “e aforrar o máximo posible”.

Descargar todas as imaxes