Carmela Silva anima a asistir aos 5 espectáculos do programa artístico e cultural "VigoFem"
A terceira edición de “VigoFem” despregará, desde o martes 14 ao domingo 19 de outubro, cinco citas culturais protagonizadas por mulleres. “Pretendemos poñer en valor a capacidade transformadora da cultura protagonizada por mulleres poñendo no foco a cultura e as mensaxes que as mulleres queremos trasladar á sociedade”, explicou a tenente de alcalde, na presentación do programa coordinado por Isabel Blanco.

“Para construír un mundo no que mereza a pena vivir hai que loitar cada día para que a igualdade ocupe o espazo que permita facer esa transformación da sociedade”, apuntou Carmela Silva ao animar á cidadanía de Vigo a asistir ás cinco citas culturais. Cinema, literatura, teatro e música servirán de instrumentos para a reflexión nas citas programadas polo Concello dentro do programa “VigoFem 2025”, afirmou a primeira tenente de alcalde.
A coordinadora do programa, Isabel Blanco, destacou a personalidade e calidade de todas as creadoras que protagonizarán cada unha das citas que se desenvolverán a partir do próximo martes, á vez que agradeceu ao Concello de Vigo o seu carácter "feminista e que as mulleres sigamos estando no foco da sociedade a todos os niveis”.
A entrada a cada un dos espectáculos é libre ata completar o aforo.
Programa
. Martes 14: 19.00 horas. MARCO. Proxección da película “Sete días, sete noites” de Joel Cano, coa actriz Orisel Gaspar.
. Mércores 15: Casa Galega da Cultura. 19.00 horas. Performance literaria a cargo de Isabel Branco.
. Xoves 16: Galería do MARCO. 19.00 horas. Actuación da cantante palestino-galega Najla Sami.
. Venres 17: Galería do MARCO. 19.00 horas. Representación da obra “A peito descuberto”, coa actriz e creadora Marta Carrillo.
. Domingo 19: Teatro Salesianos. 19.00 horas. Actuación de Uxía con “Será por flores”.

