O alcalde visita os campamentos municipais de Vigonature
Abel Caballero achegouse este luns a coñecer a actividade que se desenvolve nas instalacións onde decenas de nenas e nenos gozan de diferentes estadías, durante o día e tamén de noite, no marco do programa municipal “Verán Xove 2025”.

O alcalde, acompañado por María Lago, concelleira de Xuventude, visitou este luns os campamentos que se desenvolven en Vigonature, que son “un éxito excepcional” onde as nenas e nenos realizan excursións, talleres ambientais, rastrexo, xogos nocturnos… “É unha forma de coñecer e vivir a natureza”, apuntou Caballero, ao explicar que ao longo do verán pasarán polas instalacións de Candeán máis de 60 nenas e nenos de entre 4 e 12 anos, nalgúns casos con pernocta.
Abel Caballero lembrou que este verán o Goberno municipal oferta 4.000 prazas nos campamentos infantís, que se celebran en diferentes espazos de toda a cidade e que contan cunha importante subvención municipal, cun orzamento de case medio millón de euros (486.751 euros). Desenvolveranse en varias quendas do 23 de xuño ao 29 de agosto, en horario de 8 a 15 horas, para facilitar a conciliación familiar e laboral.

