A Unidade de Seguridade de Costa e Praia garante a "actuación inmediata" nos areais
A Unidade de Seguridade de Costa e Praia do Concello de Vigo, que desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro conta con 24 axentes da Policía Local dentro dun operativo de 130 persoas dando cobertura aos areais de Vigo, conta cunha "capacidade de actuación inmediata”, segundo explicou hoxe o alcalde en Samil.

Abel Caballero destacou hoxe o traballo de vixilancia permanente que realizan os axentes da Policía Local de Vigo percorrendo en patrullas todos os areais de Vigo durante o verán, así como a “capacidade, calidade e os adestramentos e formación" que realizan os axentes durante todo o inverno.
O alcalde recalcou na praia de Samil que o Centro Municipal de Coordinación conta cos recursos necesarios para abordar as necesidades policiais e sanitarias. Entre as dotacións destacan os materiais de sinalización, pulseiras para identificar a menores perdidos, e equipos de reanimación, entre outros. Ademais, no novo espazo habilitado no Verbum tamén servirán para atención á cidadanía e para a operativa da Policía Local.
“Un Corpo da Policía Local de praias marabillosamente ben preparado para exercitar a súa función e “para facer o máximo posible para que teñamos un verán seguro e sen ningún sobresalto”, afirmou. O rexedor salientou que o dispositivo da Policía Local é “a garantía máxima da seguridade en calquera acto contra unha persoa e tamén nas praias e no baño”, remarcou apelando á cooperación da cidadanía en caso de necesidade.



