Escoitar

Nace o I Festival Internacional de Música de Cámara de Vigo - Sinerxías 430

Seis concertos temáticos, artistas de proxección internacional, novos talentos galegos e actividades paralelas dan forma á primeira edición de SINERXIAS 430 - I Festival Internacional de Música de Cámara de Vigo. O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, animou á cidadanía a achegarse ata os distintos eventos e louvou á organización da Orquestra Vigo 430 polo traballo de levar adiante este proxecto musical coa música de cámara como protagonista e as actividades paralelas "como pulo deste festival" que amosan un compromiso coa sociedade e a igualdade".

venres, 11 xul 2025

A cidade de Vigo converterase este outono nun epicentro da música de cámara coa chegada de SINERXIAS 430 - I Festival Internacional de Música de Cámara de Vigo, unha nova iniciativa impulsada pola Orquestra Vigo 430 que nace coa vontade de consolidar un espazo propio e estable para este repertorio na cidade.

O festival desenvolverase entre o 20 de setembro e o 9 de novembro de 2025, cun total de seis concertos temáticos protagonizados por intérpretes de prestixio internacional, músicos do Ensemble Vigo 430 e novos artistas galegos en proxección, conformando unha programación de alta calidade artística e gran riqueza expresiva.

A dirección artística corre a cargo de Javier Escobar, quen define o festival como “un lugar de encontro con vocación inclusiva entre intérpretes, obras e público que busca tender pontes entre tradición e vangarda, entre a proximidade e a excelencia, entre o coñecido e o que está por descubrir”. A través de programas que abarcan desde o Barroco ata a creación contemporánea, SINERXIAS 430 aposta pola creación de formacións ad hoc, xerando novas combinacións artísticas e diálogos sonoros únicos entre os músicos participantes.

Entre os nomes destacados desta edición figuran violinistas como Claire Wells, Clémence de Forceville ou Mira Foron; os violonchelistas Yibai Chen ou Li La, as violistas Luz Elisabeth Sánchez e Carla Guillén ou os pianistas Anthony Sintow- Behrens, Santi Meijide e Sergio Gómez. Todos eles xunto aos intérpretes locais que conforman o Ensemble Vigo 430 nas súas diferentes configuracións instrumentais.

O edil de Cultura, Gorka Gómez, animou á cidadanía a achegarse ata os distintos eventos e louvou á organización da Orquestra Vigo 430 polo traballo de levar adiante este proxecto musical coa música de cámara como protagonista e as actividades paralelas "como pulo deste festival" que amosan un compromiso coa sociedade e a igualdade".

Compromiso coa igualdade e a formación
Máis alá dos concertos, SINERXIAS 430 inclúe actividades paralelas de grande interese educativo e social, como o I Concurso de Música de Cámara para novos intérpretes, dirixido ao alumnado dos conservatorios superiores de toda España, así como clases maxistrais impartidas por artistas convidados.

Tamén destaca a celebración da mesa redonda «Mulleres compositoras: un relato esquecido ou unha historia por contar?» (5 de novembro), organizada coa valiosa colaboración de EnClave Morada do CMUS Profesional de Vigo. Nela participarán compositoras, intérpretes e especialistas que abordarán a invisibilización histórica das mulleres na creación musical e a necesidade de repensar o canon desde unha perspectiva de xénero.

Datas e concertos
- 20 de setembro – Monólogos e diálogos: De Cassadó e Bach a Brahms, entre introspección e forza colectiva.
- 21 de setembro – Entre a brétema e o lume: Dvořák, Beethoven, Poulenc e Waxman, nun programa de intensos contrastes.
- 18 de outubro – Resonancias íntimas: Mozart e Borodin, dúas xoias para cuarteto de corda.
- 7 de novembro – Camiños cruzados: Ravel, Chaminade, Bonis e Ysaÿe. Diálogos franco-belgas para violín e piano.
- 8 de novembro – Murmurios e correntes: Clara Schumann, Hindemith e Schubert, nunha corrente que flúe da emoción íntima á vitalidade desbordante.
- 9 de novembro – Fortalezas do espírito: Kodály, Vasks e Schulze, un potente contraste entre tradición e modernidade.

A venda de entradas e a información detallada sobre espazos, horarios e artistas estará dispoñible nas vindeiras semanas na páxina web oficial da Orquestra Vigo
430 www.vigo430.com

Descargar todas as imaxes