Escoitar

O Concello inicia a tramitación dunha nova ordenanza de vivendas turísticas

O alcalde informou este xoves da posta en marcha do procedemento administrativo para desenvolver unha nova ordenanza de vivendas turísticas na cidade “coa mellor das vontades, compatibilizando o seu uso, garantindo a convivencia coas vivendas residenciais e dando seguridade xurídica”.

xoves, 10 xul 2025

A Xerencia de Urbanismo vén de asinar o decreto para iniciar a tramitación da nova ordenanza municipal reguladora das vivendas de uso turístico. Tal e como establece o PXOM, o Concello pode regular mediante ordenanza a implantación e intensidade do uso das vivendas e apartamentos turísticos, recoñecendo o seu carácter terciario hostaleiro. En suma, “deben comportarse como hoteis”, recalcou Caballero, apuntando que o Plan Xeral recolle limitacións ás vivendas de uso turístico como que a localización en edificios só será posible cando teñan unha entrada distinta á do resto de persoas residentes.

O goberno municipal ten identificadas algunhas situacións que deben considerarse á hora de desenvolver a ordenanza como o forte crecemento de vivendas de uso turístico, especialmente no centro urbano e en barrios históricos como o Casco Vello, Bouzas, Areal ou Berbés, o que, para Caballero, está xerando unha presión sobre os prezos dos alugueiros. Tamén debe ordenarse “moi ben” a convivencia entre residentes e turistas.

Con esta nova ordenanza, o Concello quere establecer un procedemento municipal “claro e seguro para a autorización de vivendas de uso turístico e apartamentos turísticos”, determinando as zonas saturadas, as cotas máximas por edificio, a compatibilidade de accesos entre o uso que se pretende regular e o resto de usos existentes no edificio e creando ferramentas de inspección e control proporcionadas e eficaces.

Tal e como explicou o alcalde, a tramitación da ordenanza comezará cunha consulta pública previa; un período de 20 días para recoller as suxestións cidadás, ao que segue a análise do impacto normativo, a aprobación inicial en Pleno, a exposición pública e recollida de alegacións e a aprobación definitiva.

Abel Caballero valorou o obxectivo da nova ordenanza: “queremos garantir a convivencia entre o uso residencial e o uso turístico, regulando ben e compatibilizando os usos”, de maneira que as vivendas turísticas non proliferen “en exceso” nalgunhas zonas e “dando seguridade” a quen as ten, regulándose polas normativas dos hoteis. “Entramos nesta materia coa mellor das vontades”, destacou, “sabendo que as vivendas turísticas teñen unha dimensión económica de recursos que quedan na cidade”, polo que convén “compatibilizar” o seu uso coa máxima de “non subir os alugueiros á xente”.

Descargar todas as imaxes