A “VIII Batalla Mural” celebrarase o sábado 24 de maio
O obxectivo do programa municipal é achegar o valor da cultura urbana, especialmente do graffiti, a toda a cidadanía. Ademais, o alcalde avanzou que a biblioteca do Marco súmase a outros 41 museos e centros de arte compartindo as súas publicacións e liberando libros para conmemorar o 23 de abril.

A convocatoria para participar na “VIII Batalla Mural”, dentro do programa “Vigo, cidade de cor”, xa se encontra aberta. Os artistas que desexen inscribirse terán que facelo antes do 19 de maio a través da web do Concello de Vigo, será gratuíta e destinada a persoas maiores de 18 anos. Como explicou Caballero, “os participantes deben ser noveles”, xa que é requisito indispensable que ningunha das persoas que se sumen á proposta formase parte do programa en anteriores edicións.
A “VIII Batalla Mural” celebrarase o sábado 24 de maio ás 9:30 horas na Porta do Sol. A temática será secreta ata o día da celebración do evento e comunicaráselle aos participantes media hora antes do inicio. O obxectivo é achegar o valor da cultura urbana a toda a cidadanía, especialmente da arte urbana do graffiti, tratando de conectala co valor cultural, patrimonial e social da cidade e, ao mesmo tempo, promover e dar participación á mocidade creadora de graffiti e arte urbana como canle de expresión cultural e artística.
Bookcrossing no MARCO
A biblioteca do Marco súmase a outros 41 museos e centros de arte de España compartindo as súas publicacións e liberando libros relacionados con diferentes disciplinas, co obxectivo de potenciar a divulgación, de modo que as persoas que recollan os libros poidan gozalos e volvan liberalos en calquera punto do mundo.
O Marco liberará exemplares da propia biblioteca, que quedarán na fachada principal do museo e repartidos en diferentes puntos da cidade. Ademais, desde o pasado mes de outubro, a biblioteca do Marco abriu o préstamo a domicilio nunha selección dos seus fondos: títulos de narrativa, libros para público infantil relacionados coas artes, catálogos e publicacións do museo.