Escoitar

O Concello organiza cursos sobre novas tecnoloxías para persoas maiores

O alcalde anunciou que comezarán no mes de maio con formación 100% práctica para que as persoas maiores de 65 anos sexan capaces de realizar distintas accións a través do seu teléfono móbil.

mércores, 16 abr 2025

O Concello reinicia no mes de maio os cursos de formación en novas tecnoloxías para persoas maiores de 65 anos. O obxectivo é reducir a fenda dixital nestas idades e que “todo o mundo sexa capaz de realizar certas accións a través do teléfono móbil”, dixo o alcalde.

Así, o curso, 100% práctico e de balde, suporá que as persoas inscritas aprendan a usar o WhatsApp, formas de comunicación con familiares e amigos, usar as redes sociais ou a banca electrónica, así como outras aplicacións necesarias para o desenvolvemento no día a día.

Os cursos serán impartidos nos centros cívicos de Teis, Coruxo, Bouzas e Casco Vello. As persoas interesadas poden obter información e inscribirse no 010 e nos propios centros de distrito.

Bonotaxi e axudas de emerxencia

En material social, o alcalde tamén informou que o goberno local outorgou 12 axudas de bonotaxi cun importe de 3.675 euros e lembrou que a convocatoria para solicitar esta achega está aberta todo o ano. Amais, a comisión encargada das axudas de emerxencia aprobou este martes 141 axudas por valor de 35.000 euros, polo que ao longo deste ano se aprobaron 1.140 axudas por 344.447 euros.

Dependencia

O alcalde sumouse á reivindicación da Federación Galega de Municipios e Provincias sobre a suba da achega ao Servizo de Axuda no Fogar por parte da Xunta de Galicia.

Descargar todas as imaxes