Escoitar

Abel Caballero: “Cando nos rouban a opción de ser sede do mundial están quitándonos a posibilidade de mostrar o noso desenvolvemento cultural ao mundo”

O rexedor vigués mantivo un encontro esta mañá co sector da cultura, no que tratou a opción de realizar “unha extensa programación cultural previa” á chegada da Copa do Mundo de fútbol 2030. Transmitiulles que vai “defender a sede de Vigo con todas as forzas posibles”.

mércores, 16 abr 2025

O luns, Caballero arrincou as reunións para tratar a exclusión de Vigo como sede do Mundial 2030 co sector hoteleiro e do Taxi e hoxe foi a quenda “dos facedores de cultura da cidade”. O rexedor explicou que “o mundo do deporte e do fútbol debe ter o acompañamento da capacidade cultural da cidade”.

“Cando nos rouban a opción de ser sede do mundial están quitándonos a posibilidade de mostrar o noso desenvolvemento cultural ao mundo”, sinalou taxativamente Caballero, engadindo que “estannos evitando ter o foco do mundo concentrado en Vigo e así poder mostralo”. Aproveitou para transmitirlles que vai “defender a sede de Vigo con todas as forzas posibles”.

O Concello traballa nun “bocexo” de programación “dunha mobilización cultural de cando menos 2 anos previos” e o sector mostra o seu “apoio expreso e total”. O alcalde finalizou expresando que “a cultura é unha parte fundamental da marca Vigo, e o mundial será un escaparate magnífico”.

Descargar todas as imaxes