O Concello comezará a obra da Avenida de Madrid en xaneiro
Abel Caballero deu conta do anuncio previo á licitación publicado no Portal de Contratación no que a Avenida de Madrid figura cun importe de 15,9 millóns. O alcalde celebrou o parcheado que o Goberno de España está a acometer na A55 entre Porriño e Vigo, na A52 dentro da provincia de Pontevedra e a VG20.
A Avenida de Madrid comezará a súa remodelación en xaneiro. O goberno local vén de comezar a licitación cun importe de 15,9 millóns, ao que hai que sumar os custes asociados á obra e o proxecto. A actuación abarca case 2,5km, desde a Praza de España ata o Seminario. “Imos integrar a Avenida de Madrid na cidade, será unha gran avenida”, afirmou o alcalde.
Caballero explicou que o Goberno de España aporta 11,7 millóns de euros para esta obra, “unha achega excepcional”.
Arranxo de estradas
Caballero tamén celebrou que o Goberno de España estea a arranxar as estradas do Estado, concretamente a A55, entre Vigo e O Porriño, a A52 na provincia de Pontevedra e a VG20. O importe é de 6 millóns de euros.
O alcalde lembrou que o Goberno de España segue traballando na ampliación da A52 en túnel entre Vigo e Porriño.