Vigo terá 15 pantallas na rúa para sinalización turística
O alcalde informou da licitación para a instalación do subministro e instalación da rede de sinalización turística dixital intelixente cun importe de case 700.000 euros. Caballero tamén informou da ocupación hoteleira da fin de semana, que foi do 86%.
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación deste contrato, por un importe de case 700.000 euros, que ten como obxectivo “informar á cidade” coa instalación de sinalización turística a través de pantallas na rúa. Serán arredor de 15 mupis dixitais, con pantallas de dobre cara.
A través destes elementos, o Concello quere trasladar información dun xeito “acorde aos tempos actuais” sobre eventos, as zonas da cidade, cuestións de interese público...e van situarse en espazos de referencia cidadá e turística como Vialia, A Pedra, Urzáiz ou O Castro. Tal e como apuntou, o contrato conta coa subvención do Goberno de España.
Ademais, Caballero referiuse este luns á “altísima” ocupación hoteleira rexistrada esta fin de semana na cidade, na que o nivel acadou “practicamente o 86%”, superando en 5 puntos ao dato da mesma fin de semana do ano 2023.