Escoitar

O Concello insiste en reclamar a Abanca a cesión gratuíta á cidadanía de Vigo do Teatro Cine Fraga

O Pleno da Corporación municipal de Vigo acordou este venres, cos votos a favor do grupo municipal socialista, a oposición do Partido Popular, e a abstención do BNG, solicitar a Abanca a doazón gratuíta ao Concello do edificio do Teatro Cine Fraga para que a institución municipal articule o seu uso con acordos coa Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e Zona Franca.

sábado, 20 xul 2024

O goberno municipal de Vigo reafirmouse este venres, ante o pleno da Corporación local, na súa demanda a Abanca para que ceda gratuitamente o Teatro Cine Fraga á cidade, así como a súa oposición á operación de venda do edificio por 9,3 millóns de euros asinada este venres entre responsables da entidade financeira, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

O voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font, cualificou de “inadmisible” a firma da venda do histórico edificio “nunha operación presidida pola opacidade”, producida, segundo explicou, ás costas do Concello de Vigo e sen que se coñeza a taxación oficial do inmoble. Font recalcou que o alcalde Abel Caballero “solicitou desde o principio” a cesión ou doazón gratuíta á cidade.

Ante a negativa do PP de apoiar a moción que reclama a cesión do inmoble, López Font preguntou aos edís populares se “non pensan que a cidade de Vigo merece a doazón gratuíta? Non pensan que a cidade ten a lexitimidade para pedir esa doazón? Non lles parece que eses 9,3 millóns de euros estarían mellor investidos noutros destinos da cidade? Non teñen remordementos de que, despois de roubarnos unha caixa de aforros aos vigueses, teñamos que pagar hoxe 9,3 millóns?”.

O portavoz municipal insistiu en que o alcalde de Vigo estivo permanentemente pendente do destino do edificio por Abanca, mostrándose respectuoso para determinar o seu uso e situación cos tempos que sucesivamente ía marcando a entidade, a tempo que desde 2007 reclama a rehabilitación.

Opacidade

Carlos López Font, tras asegurar que existen numerosas fórmulas para contar coa propiedade real sen pagar un euro ou simbólicamente un euro, denunciou que a compra-venda estivo presidida pola opacidade porque non se informou ao Concello nin da oferta nin do seu prezo, nin da taxación, de aí a reclamación á Valedora do Pobo para instar á transparencia da operación.
“Abanca está en débeda coa cidade, débelle o teatro Fraga a Vigo, e a cidade represéntaa o alcalde de Vigo, elixido nas urnas pola cidadanía, o goberno e este Pleno, de aí a importancia da resolución como expresión da vontade das viguesas e dos vigueses. Estamos ante a decisión democrática deste pleno e é lamentable que Abanca prestouse á firma desta venda”, sentenciou López Font.

Descargar todas as imaxes